Manzaneda abriu a porta ao seu mellor tesouro: a súa historia
Durante unhas horas, Manzaneda deixou de ser a vila que todos coñecemos para converterse nun escenario medieval. O son dos trovadores substituíu ao silenzo, os seres mitolóxicos apoderáronse das rúas e veciños e visitantes percorreron un casco histórico que parecía regresar varios séculos atrás.
A primeira edición da Feira Medieval converteu a localidade nun punto de encontro para centos de persoas que descubriron —ou redescubriron— un dos conxuntos históricos máis singulares da comarca.
Nada máis cruzar a Porta da Vila, o visitante xa comprendía que non estaba ante unha feira calquera. Cada recuncho invitaba a deter o paso.
Os postos de artesanía aparecían repartidos polas rúas empedradas como se sempre formasen parte da paisaxe. Había madeira, cerámica, queixos, libros, doces e un sen fin de produtos que acompañaban un paseo no que o verdadeiro protagonista era o propio escenario.
Porque a historia estaba presente en cada esquina.
Atravesar a Porta da Vila, achegarse aos restos da Torre da Homenaxe ou descubrir a antiga cadea da fortaleza permitía contemplar espazos que moitos visitantes nunca chegaran a coñecer, pese á súa proximidade.
Precisamente ese era un dos obxectivos da iniciativa. «Tratábase sobre todo de atraer á xente, tanto de Manzaneda como de Trives, Vilariño e dos concellos da contorna, para dar a coñecer que Manzaneda é moito máis ca a estación de montaña», explicaba o alcalde, Pedro Yáñez.
Na antiga cadea da fortaleza o tempo tamén parecía deterse. Alí, varias mulleres elaboraban encaixe de bolillos, recuperando un oficio tradicional que encaixaba á perfección coa ambientación da feira.
Unha vila chea de vida
Os máis pequenos foron outros dos grandes protagonistas da xornada. O espazo de xogos tradicionais non deixou de recibir familias durante toda a tarde.
Un xadrez xigante, un carrusel de madeira, zancos, un catro en raia de gran tamaño e diferentes propostas de habilidade fixeron que os nenos xogasen durante horas mentres os adultos paseaban entre os postos.
«Había moitos nenos nesta zona de xogos, pero tamén moitos adultos visitando a nosa vila», destacaba o rexedor cando o atopamos precisamente na zoa.
A medida que avanzaba a tarde, o ambiente seguía medrando. Moitos dos asistentes apostaron por vestir roupa de época, contribuíndo aínda máis a crear esa sensación de viaxar ao pasado.
Cando as lendas tomaron as rúas
Un dos momentos máis agardados chegou coa aparición do espectáculo itinerante A Lenda. Fadas, un enorme cíclope armado cun gran mazo, un alquimista, un xigante e outras criaturas mitolóxicas percorreron as rúas acompañadas pola música dos trovadores de Turdión.
Os seus sons enchían cada recuncho da vila mentres os personaxes interactuaban co público, especialmente cos máis pequenos, que alternaban as gargalladas cos momentos de sorpresa diante dalgunhas criaturas pouco amigables.
Xa coa chegada da noite, Grimorium tomou o relevo coa súa música antes de que o lume se convertese no protagonista absoluto.
Á medianoite, o espectáculo Vulcano iluminou o ceo de Manzaneda cunha posta en escena na que o lume, a pirotecnia e a música transportaron ao público a un universo que lembraba os relatos máis escuros da Idade Media.
Unha primeira edición con vocación de continuidade
O bo tempo acompañou durante toda a xornada e contribuíu ao éxito dunha primeira edición que deixou moi boas sensacións tanto entre os organizadores como entre os visitantes.
«É a primeira edición. Fixémola un pouco á presa, pero creo que a aceptación foi moi boa. É un fin de semana máis de festa para o pobo e a todo o mundo lle gusta ver Manzaneda engalanada», sinalaba Pedro Yáñez.
O alcalde tamén destacou que moitas persoas descubriron espazos patrimoniais que nunca visitaran. «Moita xente comentounos que nunca estivera dentro da vila ou que non coñecía lugares como a antiga cadea ou partes da muralla».
A Feira Medieval continúa este domingo cunha nova xornada de actividades na que non faltarán os espectáculos itinerantes, os seres fantásticos, a música de Turdión e Grimorium, os postos de artesanía e novas propostas para que veciños e visitantes sigan gozando dunha cita que nace coa intención de consolidarse.
Porque, durante un fin de semana, Manzaneda non só organizou unha feira medieval. Conseguiu que quen paseou polas súas rúas tivese a sensación de estar vivindo, por unhas horas, dentro da súa propia historia.