
A terceira edición do Campus de Fútbol Mixto de San Xoán de Río arrancou este luns na Estación de Montaña de Manzaneda coas 50 prazas do primeiro turno totalmente cubertas… e con lista de espera. Un dato que fala por si só: esta proposta de verán está xa máis que consolidada.
En total, máis de 100 nenos e nenas de entre 5 e 16 anos participarán nas dúas quendas previstas. Fano a 1.500 metros de altitude, nunha contorna privilexiada, e sen ningún custo para as familias. Todo, grazas a unha iniciativa pioneira que aposta pola igualdade, o acceso universal ao deporte e a dinamización do rural.

Os adestramentos técnicos compaxínanse con xogos cooperativos e actividades ao aire libre, nun programa que promove valores como o compañeirismo, a inclusión e os hábitos saudables. Ao fronte, un equipo de adestradoras profesionais e un servizo de autobús que garante a asistencia diaria dos participantes.
«Voltar ver o campo de fútbol da Estación de Manzaneda cheo de vida e actividade é unha gran noticia para o rural e para a nosa mocidade. Este campus é un exemplo de igualdade, acceso ao deporte e dinamización territorial», destacou o alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua.