sábado. 20.04.2024

Díaz Mouteira lembrou que o Xulgado da Pobra de Trives, nos últimos anos, xa foi obxecto doutras actuacións dentro do plan de eficiencia enerxética

Dentro do programa de obras menores en edificio xudiciais a Vicepresidencia  da Xunta investiu este ano 36.450 euros no edificio do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de A Pobra de Trives. A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, achegouse a este concello e supervisou as obras que se realizaron.

Así, co fin de mellorar a confortabilidade na sala de vistas e nas dependencias xudiciais instalouse un sistema de aire acondicionado. Ademais acometeuse unha reparación das canles e do muro exterior e  procedeuse ao pintado da fachada.

Marisol Díaz enmarcou estas actuacións no seo do compromiso firme e decidido da Xunta por dotar aos profesionais e aos cidadáns dos mellores medios materiais ao seu servizo desde o punto de vista das infraestruturas xudiciais, independentemente do lugar onde se emprace. «Refórzase así, a aposta do Goberno galego por dotar do maior número de servizos á poboación que vivan no medio rural para, desde xeito, evitar o despoboamento», indicou a delegada territorial.

Ao fío desta idea, Díaz Mouteira lembrou que o Xulgado da Pobra de Trives, nos últimos anos, xa foi obxecto doutras actuacións dentro do plan de eficiencia enerxética co fin de mellorar o día a día dos traballadores dos xulgados e dos cidadáns que acoden a eles.

Así referiuse á reforma da sala de caldeiras e instalación dunha caldeira de biomasa, que redunda nun maior rendemento enerxético e un importante aforro no gasto de combustible derivado do petróleo para este inmoble, situado nunha zona de alta montaña, co que se potencia o aproveitamento dos recursos endóxenos como é o da biomasa cunha relevancia importante tamén no ámbito rural; así como a substitución da iluminación por leds e o cambio das fiestras.

A Xunta aposta por mellorar as instalacións xudiciais de Trives