viernes. 30.05.2025

A ilusión de Zeltia Mateo, gañadora do primeiro concurso de carteis para a Feira do Viño

A terra do seu pai, Motefurado, foi dende o principio a súa principal inspiración. «Foi como dedicarllo a el», relata Zeltia Mateo

 

P_somoscomarca_240305_quiroga_cartelganador
A ilusión de Zeltia Mateo, gañadora do primeiro concurso de carteis para a Feira do Viño

A quiroguesa Zeltia Mateo Fernández co lema “Terra de viño” foi a gañadora do primeiro concurso do cartel da XLII Feira do Viño de Quiroga. Nas bases do concurso pedíase que os carteis aludiran ao espírito da feira facendo especial fincapé no mundo do viño e no patrimonio e cultura de Quiroga.

A súa nai foi a que «me animou a presentar e dixen: "Bueno vale, preséntome», relata a gañadora do concurso. A terra do seu pai, Motefurado, foi dende o principio a súa principal inspiración. «Foi como dedicarllo a el», relata Mateo. 

Por iso esta obra da enxeñería romana foi o lugar escollido para facer a presentación. O Alcalde de Quiroga, José Luis Rivera; acompañado da práctica totalidade do Grupo de Goberno; xunto coa artista presentaron esta mañá o cartel que se utilizará para anunciar a XLII Feira do Viño de Quiroga.

A maquillaxe é parte da súa vida, «gústame e formeime, supoño que cas ganas e a ilusión van saíndo cousiñas». A Zeltia Mateo segue conmovida por este recoñecemento, «para min é un orgullo representar así a festa do meu pobo».

Durante case unha semana, Zeltia Mateo estivo somerxida en crear este cartel gañador, «ía sacando ratos para elaboralo». Unha das características máis rechamantes que ten esta proposta e que está feita con maquillaxe. 

«A clase de maquillaxe que eu utilizo chámase agua-colores. Son unhas pastillas de cor que se activan con auga, son aptas para a pel. Parécense as acuarelas», explica Mateo. Aínda que teñan esa semellanza, «a hora de realizalo en papel, unha vez que seca, queda como "tizoso"», asegura. 

O xurado —composto por un deseñador gráfico, unha técnica en imaxe e encargados do departamento de cultura e turismo—, entendeu que o cartel de Zeltia no que destaca a imaxe do Túnel Romano de Montefurado, así o facía.

Unha vintena de carteis presentáronse a este primeiro concurso, no que destacou a alta participación local co IES de Quiroga á cabeza e tamén a participación feminina xa que o 85% dos presentados estaban asinados por unha muller.  A temática dos traballos foi moi variada así como a técnica empregada. Zeltia utilizou maquillaxe, a mesma que utiliza nos seus traballos.

Zeltia Mateo, gañadora dos 300 € do premio, é perruqueira a domicilio pero é ben coñecida polos impresionantes traballos de maquillaxe de efectos especiais que fai sobre ela mesma e que xa traspasan fronteiras. E con esta maquillaxe foi coa que elaborou o cartel gañador do concurso.

Esta veciña é, ademais, das persoas que viven con intensidade esta feira na que leva participando toda a súa vida e que como ela mesmo recoñece «cando acaba unha feira xa estou pensando na do ano seguinte».

A ilusión de Zeltia Mateo, gañadora do primeiro concurso de carteis para a Feira do Viño