
O campo de fútbol San Martiño e as Pistas Multideportivas do parque da Constitución van ser obxecto dunha importante reforma na que se investirán preto de 100.000 €. Para elo foron necesarias dúas fontes de financiamento distintas coas que se conte para realizar estes traballos de mellora.
Por unha parte a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia aportará 48.394 €, mentres que do Plan Único da Deputación Provincial de Lugo investiranse outros 48.387´90 €.
Neste proxecto de mellora do campo de fútbol inclúese a remodelación da herba do terreo de xogo, colocando un novo sistema de rego e replantando o céspede. Tamén se acondicionará o campo de adestramento coa colocación dunha capa de terra vexetal e a sementa de céspede.
As obras inclúen tamén a roza e retirada de maleza e a retirada de escombros dunha cancha demolida. Traballarase no peche do recinto co levantamento dun muro de bloque e a colocación dunha rede. Isto impedirá que os animais salvaxes como os xabarís entren no campo como ten ocurrido anos atrás.
Aínda que con labores de mantemento habitualmente, o campo do San Martiño non acolleu grandes remodelacións dende hai unha década cando se construíron os novos vestiarios, se acondicionaron as gradas e se asfaltou o aparcamento.
O inicio destas obras está previsto para estes días, polo que o equipo de fútbol Quiroga F.C. que está a piques de comezar a liga na Segunda Galicia non poderá disputar ningún partido na casa polo menos ata o mes de xaneiro.
En canto ás melloras proxectadas nas pistas multideportivas do parque da Constitución, xa se realizou a roza e limpeza do talude da parte de abaixo e agora vaise substituír a malla inferior e cerrarase a pista con madeira tratada. Ademais estase traballando na posibilidade de cambiarlle o pavimento por un novo de céspede artificial.