sábado. 20.04.2024

Os presupostos aprobáronse na última sesión do ano celebrada no concello quirogués

O 2020 rematou co traballo feito para o ano seguinte no Concello de Quiroga, xa que na última sesión do ano aprobáronse os presupostos do 2021 cos votos a favor do grupo de goberno municipal.

Os orzamentos ascenden a un total de 4.163.400 €, que serán continuístas e case idénticos, agás por un pequeno incremento, ao do 2020. Dentro dos mesmos inclúense os investimentos precisos para a adquisición dos terreos e a construción do primeiro cemiterio municipal e a ampliación do Museo Etnográfico e do Edificio Multiusos da Ribeira.

Tamén se contempla a ampliación e a mellora da rede de abastecemento de auga potable e do saneamento; e a reparación e mellora de infraestruturas viarias tanto urbanas como rurais. Unha partida total de 687.500 € da que tamén forma parte a mellora das instalacións deportivas.

A partida máis importante deste presuposto, máis de 1.700.000 €, irán destinadas as retribucións e cargas sociais do persoal, no que tamén se inclúen os traballadores dos obradoiros de emprego. Séguelle en canto a inversión á cantidade destinada a gastos correntes e de funcionamento dos servizos. Estes dous apartados, o de persoal e os gastos correntes, foron criticados - ao consideralos excesivos- por parte da oposición que votou en contra da aprobación do orzamento.

Tamén se reserva unha partida de 60.000 € para incentivar as iniciativas empresariais para facer fronte á pandemia, para os programas de rehabilitación de vivendas e para as axudas aos estudantes. As actividades culturais, deportivas, achegas a consorcios e comunidades teñen unha partida reservada de 160.000 €.

Inicio da vacinación

No último día do ano 2020 comezou a vacinación dos usuarios da Residencia de Maiores de Quiroga contra a COVID-19, como tamén ven ocorrendo en Valdeorras, esto supón un paso máis para achegarse a normalidade que se vivía antes do mes de marzo do ano pasado.

Foto do Facebook de Concello de Quiroga

Quiroga estrena o 2021 cos presupostos aprobados