
O Concello de Quiroga presenta as bases do concurso de desfile de comparsas que terá lugar o domingo 11 de febreiro. O desfile sairá ás cinco da tarde dende a rúa Piscinas para percorrer a rúa Real ata a Casa Consistorial onde rematará cun baile de disfraces e unha invitación a chocolate con churros.
Neste concurso poden participar todas as persoas que o desexen, tanto deste Concello coma doutros, sempre e cando se acollan as dúas modalidades de participación estipuladas: a Modalidade comparsa (integrada polo menos por dez membros) e a Modalidade disfrace individual (que como máximo agrupará tres membros por disfrace).
Cada participante nomeará un representante para formar parte do xurado, polo que o xurado cualificador estará composto por tantos membros coma comparsas e disfraces participen no desfile. Os integrantes do xurado despois de asistir ao desfile, valorarán a cada comparsa menos á que representa, valorarán a orixinalidade dos disfraces, a coreografía, a escenografía, a elaboración de vestiario e a elaboración da carroza.
Para a modalidade de comparsa establécese un primeiro premio de 600 €, un segundo premio de 300 € e un terceiro premio de 200 €. O resto das comparsas participantes recibirán 100 €. Para a modalidade de disfrace individual haberá un único premio ao mellor disfrace dotado con 60 €. Estes premios, que estarán suxeitos ao disposto na Lei 35/2006, do 28 de novembro, do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, entregaranse na rúa Real, diante do Concello, ao remate do desfile.
Para participar no desfile é preciso inscribirse antes do 7 de febreiro na Casa da Cultura ou na Sede electrónica do Concello de Quiroga, onde tamén se poden consultar as bases, aportando a documentación precisa.
A maiores, os máis pequenos contarán coa súa festa de disfraces o luns día 12, a partir das cinco da tarde.