
As redes sociais do Concello de Quiroga anunciaban onte a nova de que o actual alcalde Julio Álvarez que leva 36 anos no cargo, non encabezará as listas nos vindeiros comicios electorais aos concellos.
«Motivos persoais —a súa xubilación laboral— e unha actividade no mundo empresarial axudaron a tomar esta decisión na que pesou sobre todo a idea de que tras moitos anos “é o momento de dar un paso ao lado para deixar que xente nova e con ideas frescas asuma o temón da vida municipal de Quiroga”», sinala a rede social.
Na publicación fan un resumo do percorrido polas 9 lexislaturas nas que Álvarez conseguiu a maioría absoluta «cunhas maiorías que roldaron o 70% dos votos e incluso no seu terceiro mandato foi elixido polo 82,5% dos votantes. Converténdose no alcalde de municipios de menos de 3.000 habitantes de toda España que máis anos se mantivo no seu cargo», anunciaban.
«Aparte de ser o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, é tamén o presidente do Partido Popular a nivel local, actualmente forma parte da executiva do Partido Popular de Galicia e da executiva provincial. Forma parte tamén da directiva da FEGAMP e representa aos municipios con menos de 5.000 habitantes na Comisión Galega de Seguridade, na Comisión de Urbanismo de Galicia, no Consello Escolar Galego e na Comisión de Turismo de Galicia».
Foi vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, durante 8 anos; deputado durante 16; delegado do psiquiátrico de Castro Ribeira de Lea, durante 4 anos; Secretario de Política Municipal de Galicia; portavoz e vicepresidente de Desarrollo Local na FEMP e presidente fundador da actual FEGAMP.
Segundo a rede social: «Julio Álvarez destacou este último mandato como “dos máis importantes en xestión”, coas melloras na traída de auga —na que se pasou de dar servizo a 500 veciños a 2.450 con auga traída do rio Ferreiriño, cunha inversión de 400.000 €— e cos investimentos actuais para a realización dunha nova praza no corazón administrativo e comercial da vila, a apertura dunha nova rúa e a creación dun cemiterio comarcal».

Alvarez deixa claro que aínda que non se presente ás próximas eleccións do mes de maio seguirá asumindo responsabilidades políticas e administrativas, tamén “agradece profundamente a todos os veciños de Quiroga e as distintas directivas do Partido Popular provincial e de Galicia a confianza depositada nel”.
Independiente por Quiroga
O que fora a man dereita de Álvarez, José Luís Rivera, ao longo de case 20 anos na entidade local deixaba a corporación o pasado verán tras desavenencias co alcalde.
Segundo sinalaba o propio Rivera a Somos Comarca, o motivo da dimisión, foi por unha banda a «falta de confianza no alcalde e por outra a imposibilidade de convivir e sacar proxectos adiante para o municipio».
Rivera tamén se mostraba daquela sorprendido pola falta de información pública do Concello de Quiroga respecto da súa dimisión de concelleiro tras preto destes 20 anos e non descartaba formar un novo partido para concorrir ás locais. O propio Rivera confirmaba, onte, a Somos Comarca a creación de «Independientes por Quiroga» que pretende enfocar a política local do concello «doutro xeito».