jueves. 18.04.2024
somoscomarca_concellorubia_8m
Rubiá recibirá 48.000 euros para a rexeneración dunha rúa no Robledo da Lastra

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou cos alcaldes de Cerdedo-Cotobade, Cortegada, Lobios, Porto do Son e Rubiá -este último de xeito electrónico- os convenios polos que concede máis de 660.000 euros en préstamos sen xuros para actuacións nestes territorios, ao abeiro do Fondo de cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes.

Segundo explicou a conselleira, estes préstamos, que deberán ser reintegrados polos municipios nun prazo de 8 anos, teñen por obxectivo, entre outras cuestións, adquirir e rehabilitar inmobles en estado deficiente de conservación como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do medio ambiente, da paisaxe e do territorio. O Goberno galego incide así no seu compromiso de mellorar a calidade de vida dos cidadáns, facilitando que poidan dispor dunha vivenda digna e axeitada.

Deste xeito, o Concello de Lobios, asina 3 convenios por un importe total de máis de 135.000 euros para rehabilitar espazos públicos nos núcleos de Bouzas, Sampaio e Esperanzo. Tamén subscribe 3 acordos o municipio de Cortegada, que contará con preto de 50.000 euros para a compra de varios inmobles na praza de Buenos Aires.

Pola súa banda, Rubiá recibirá 48.000 euros para a rexeneración dunha rúa no Robledo da Lastra. Cómpre lembrar que este concello ourensano xa se acolleu a este fondo de cooperación nas convocatorias de 2017, 2018, 2019 e 2020.

No caso de Porto do Son contará con preto de 351.000 euros para elaborar plans especiais de protección. Este convenio súmase ao que xa asinou este concello o pasado mes de outubro para dispor de máis de 500.000 euros para a rehabilitación da casa de Ríos.

Finalmente, o concello de Cerdedo-Cotobade recibirá máis de 76.000 euros para a mellora de equipamentos municipais de uso cultural.

Rubiá recibirá 48.000 euros para a rexeneración dunha rúa no Robledo da Lastra