Rubiá celebra o día grande das festas da Ascensión coa misa presidida polo bispo

A imaxe da virxe procesionou da igrexa á capela onde os nenos que fixeron a  Primeira Comuñón recitáronlle uns versos e o bispo purificouna co incenso

Tres días hai no ano que relocen máis co sol, Xoves Santo, Corpus Cristi e A Ascensión. Hoxe tocou celebrar este último en Rubiá e realmente brillou o sol  e quentou, vaia se quentou!

O día grande das festa da Ascensión en Rubiá celebrouse cunha misa solemne presidida polo bispo de Astorga, Jesús Fernández quen estivo acompañado por outros catro sacerdotes. A homilía que congregou a un cento de persoas estivo cantada polo coro da parroquia. Tras a misa a imaxe da virxe foi portada en procesión dende a igrexa de Santa Mariña á capela da Virxe do Camiño

Misa solemne presidida polo bispo de Astorga, Jesús Fernández

Os case que dous quilómetros que separa ás duas igrexas percorréronse nunha hora, entre cantos e loubanzas. Os veciños ían deixando pétalos de rosa ao longo do camiño e os rapaces lanzábanllos a imaxe da virxe. O son da charanga animou tamén o percorrido. O sol de xustiza que ao mediodía caía en Rubiá fixo suar a máis dun.

Os nenos tiraron os pétalos de rosa á imaxe da virxe polas rúas de Rubiá

Ao remate, xa na capela da Virxe do Camiño, a imaxe foi purificada con incenso polo bispo quen agradeceu aos fieis a súa presenza e tamén aos nenos os versos recitados á virxe.

 

Tres días de festa

Mañá a festa comeza pouco antes da media noite coa actuación de Carta de Ajuste, música dos 80 e 90. O DJ Tariro será o encargado de «pinchar». O sábado a festa estará amenizada pola orquestra Arizona.

O domingo a misa será na honra de San Isidro, haberá procesión e bendición dos campos. E pola tarde a actuación estelar dos Satélites.

Misa e procesión da Ascensión en Rubiá 2022 (56)