miércoles. 25.06.2025

A non visita de Franco a Quereño

Nesta ocasión, Somos Comarca estivo con Antonio Castro Voces, valdeorrés e licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela na especialidade de Xeografía, Historia e Arte de Galicia. Aproveitamos a súa visita para falar da historia de Valdeorras, concretamente da visita de Franco a Quereño.

Quereño construíuno Endesa a mediados do século XX. Unha central hidroeléctrica, concretamente un encoro en Peñarrubia e a central en Quereño, que comezou a  funcionar a finais dos anos cincuenta e onde a idea principal era que a inaugurase Franco.

En setembro de 1961, concretamente o día 15, inaugurou en Vigo unha residencia para o deporte e despois no río Arenteiro unha piscifactoría. Pola tarde dese mesmo día, estivo en Ourense e inaugurou a escola normal de maxisterio e unha central cunha presa, a de San Pedro nos Peares.

As  18:00h da tarde inaugurou de novo unha presa,esta vez en Prada, no río Xares, e estaba previsto que en Quereño ás 19:00h da tarde, procedese a inauguración da central. Ata Quereño  dende Prada chegaría en coche, logo pasaría ao tren e antes de chegar a estación de Quereño habilitóuselle unha escaleira moi curiosa para que baixara de maneira segura a central.  Esta escaleira é algo que aínda se pode ver, ten unha construción curiosa, xa que dende a vía do tren hai 30-40 metros de desnivel ata a central e elaboraron banzos onde había un descanso de case un metro en todos eles.

Na última hora debeu haber unha contraorde, xa que non chegou a inaugurala, e dende O  Barco marchou en coche ata Madrid, suponse que por algún asunto de estado que lle reclamaba. Entón alí quedou a escaleira sen estrear. Na central onde está a sala de máquinas, turbinas e toda a demais maquinaria, anos despois nunha reparación, os albaneis descubriron que nunha das paredes había unha zona onde soaba a oco, déronlle cun martelo, romperon e apareceu a placa onde poñía: “Esta central ha sido inaugurada por su excelencia el xeneralísimo Francisco Franco”.  A data non aparecía, estaban á espera de que sucedese o acto, que en realidade nunca aconteceu.

Non sabemos o motivo, pero supoñemos que algún imprevisto de estado faría que el non puidera asistir, o caso e que el nunca chegou a pisar ese solo nesa ocasión.

Na comarca de Valdeorras hai como oito ou dez embalses e centrais. A importancia que isto tivo en múltiples aspectos tense estudado. Construíanse en zoas moi boas para a agricultura e que quedaban asolagadas, polo que a xente perdeu o seu terreo, e lle pagaron un prezo moi baixo. De algunha maneira sería interesante que algún dos poboados que había o carón destas centrais como Quereño, Pumares ou Petín onde quedan poucas casas, se puxeran paneis informativos onde se explicara os nosos rapaces, non só o que supuxo economicamente senón tamén socioloxicamente, en conto que tivo que emigrar moita xente, que se perderon moitos terreos e que condicionou o desenvolvemento da comarca

A non visita de Franco a Quereño