domingo. 08.06.2025

A delegada territorial da Xunta visita a Serra da Enciña da Lastra

portada

A delegada territorial da Xunta de Galicia, Marisol Díaz Mouteira, visitou o parque natural Serra da Enciña da Lastra xunto cun grupo de escolares do CEIP San Martiño de Vilariño de Conso, con motivo do Día Europeo dos Parques Naturais.

Os alumnos asistiron a unha charla didáctica e participaron nun roteiro para coñecer os principais valores naturais e as especias de fauna e flora existentes neste paraxe natural.

Foi iso precisamente o que máis destacou Díaz Mouteira, poñendo en valor o potencial da biodiversidade e riqueza deste parque natural que é o máis pequeno dos tres existentes na provincia de Ourense, cunha superficie de 3.150 hectáreas e máis de 45 kilómetros de sendeiros que se reparten nun total de 10 rutas.

A delegada territorial ademais de percorrer este enclave salientando o papel dos parques naturais na loita contra o cambio climático, visitou o Centro de Interpretación-Centro de visitantes de Biobra. "É o único parque que me quedaba por coñecer dos tres que temos na provincia e sobre toda para animar aos veciños da cidade a que se acheguen a coñecer os parques", explicou.

Díaz Mouteira participou xunto cos alumnos do CEIP San Martiño de Vilariño, no roteiro interpretado das dúas Vertentes-Soutos baixo Pena Falcueira, para coñecer os principais valores naturais e a peculiaridade das especies de fauna e flora protexidas e de carácter mediterráneo existentes neste enclave, animando ao rapaces a coñecer e preservar estes espazos. "O lema deste ano do Día Europeo dos Parques Naturais é cambia o parque, cambia o clima e queremos convencer non só aos escolares, senón a todos os cidadáns para que loiten contra o cambio climático", recordou Díaz.

Nesta visita, a delegada territorial estivo acompañada pola xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Victoria Núñez, e pola Xefa Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Luz Fernández.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio está a levar a cabo diversas actuacións co fin de potenciar os valores dos seis parques naturais da Comunidade a nivel natural, ambiental, paisaxístico e de biodiversidade, xa que “teñen un enorme potencial económico, turístico e social polo que hai que aproveitar os seus recursos e potencialidades, dentro do compromiso coa sustantibilidade”, indicou Díaz Mouteira.

A delegada territorial da Xunta visita a Serra da Enciña da Lastra