A Terceira Festa do Caldo da Portela deixou a pota temblando!
A chuvia non foi quen de augar a festa, e a terceira edición da Festa do Caldo da Portela volveu converterse nun éxito rotundo. Máis de 250 comensais reuníronse para celebrar esta cita gastronómica que, unha vez máis, puxo o caldo de berzas no centro da mesa.
A organización correu a cargo da Asociación A Rabiosa da Portela, cuxos membros fixeron de chefs e camareiros nun evento onde a fartura estivo asegurada. En total, empregáronse máis de 100 quilos de carne –chourizo, orella, lacón e morro– para preparar un caldo que fixo historia: 300 litros cociñados nun pote que acabou tan baleiro que se lle vía o fondo!
Pero non todo foi caldo! Para rematar o xantar, servíronse 30 litros de café, perfectos para acompañar unhas deliciosas tortas de roxóns que fixeron as delicias dos asistentes.
A festa contou con invitados de renome, como o actor Fran Nogueira, autor do spot promocional da festa, o ex senador Miguel Bautista Carballo e o concelleiro de Cultura do Concello de Petín, Amancio Díaz.
A presidenta da asociación, Sandra Álvarez, asegurou que xa están pensando na vindeira edición. «Cada ano imos a máis!», exclamaba, orgullosa de ver como, malia a chuvia mansiña pero algo molesta, a festa foi un éxito.
Se este ano a pota quedou temblando, que será o próximo? Haxa caldo para rato!