
A praza Doutor Quiroga de Petín acolleu este domingo unha nova cita do fin de semana poético e musical organizado pola Fundación Florencio Delgado Gurriarán. Desde a mañá, finalistas e membros do xurado do VI Premio de Poesía participan nun encontro aberto ao público que busca achegar a poesía á rúa e compartir versos en comunidade.

A Asociación Cultural Nadel tamén se sumou á festa cunha proposta lúdica e participativa: «Poesía frigorífica». A través dun xogo de preguntas sobre autores e autoras da comarca, as persoas asistentes puideron gañar imáns con versos de poemas galardoados en edicións anteriores.

A música foi protagonista a partir das 13.00 horas, cando o grupo quirogués Mario Colomán & The Clocks Band ofrecerá un concerto para encher de ritmo a praza.

Este encontro chega despois da gala celebrada onte sábado no Teatro Lauro Olmo do Barco, na que se entregou o VI Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán. Por primeira vez cobrouse entrada para asistir ao acto, cun fin solidario: destinar a recadación a proxectos de restauración de flora e fauna nos montes de Valdeorras afectados polos incendios deste verán.
A Fundación FDG xa anunciou a seguinte cita cultural: en outubro chegarán as Xornadas Culturais Castelao e Valdeorras, unha nova oportunidade para seguir facendo de Valdeorras un territorio de poesía, música e memoria.