
As 12:00 horas presentábase na Casa da Cultura de Petín —Teleclub— a exposición, «FDG Bebedeira de ensoños». Unha mostra sobre a vida e a obra do poeta valdeorrés para quen se reclama o Día das Letras Galegas.
Ata o 28 de abril estivo no Centro Santa Lucía de Vilamartín, despois de percorrer diferentes lugares da comarca como O Barco ou A Rúa. O Centro Galego de Victoria-Gasteiz tamén acolleu estes paneis o pasado mes de xaneiro.
Á inauguración da exposición achegáronse os alcaldes de Petín, O Barco, A Rúa e Vilamartín, así coma os concelleiros de cultura de A Rúa e Petín e o concelleiro de deportes de O Barco.
Ao remate da presentación, os actos reivindicativos trasladáronse á praza do Dr. Quiroga onde pasadas as 13:00 comezou o combate poético protagonizado polos Poetas da Hostia. Lucía Aldao foi árbitro nun combate no que os poetas montañeses, Xavier Xil Xardón e Silvia Pena, enfrontáronse aos poetas do mar ou poetas pescos, María Lado e Daniel Landesa. As verbas destes poetas foi amenizada pola música e sons de Mig Seoane.
O Xurado estivo formado polos espectadores que se congregaron na praza —máis dun cento de persoas—, aos que se lles deron dúas tarxetas, unha azul que levantaban si lles gustaba máis o poeta do mar, e outra vermella si a poesía preferida era a do poeta da montaña. Ao final gañaron os poetas pescos, pola mínima.
Xavier Xil Xardón de Xinzo de Limia recibiu de man do alcalde de Petín Miguel Bautista Carballo o premio por ser subcampión do primeiro certame poético celebrado o día anterior en Córgomo e na Rúa. O gañador, Jorge Moral, do Barco, tamén tomou parte da celebración en Petín, facendo a lectura do seu poema.
Os bares da praza ofreceron petiscos aos que escoitaron o combate nas súas terrazas, tomando o vermú.
Con este vermú poético remata un fin de semana cheo de actos reivindicativos para que dunha vez por todas se lle adique o Día Das Letras Galegas o literato valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán.