sábado. 20.04.2024

Algo máis de 100.000 euros recibirá o Concello de Petín do Fondo Europeo de Desarrollo Regional, FEDER, provintes dunha concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso dunha economía baixa en carbono. Petín acudía ao IDAE, o Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía, fai algo máis dun ano buscando axuda para poder facer o cambio de luminarias e no día de onte, martes 23 de outubro, recibía a resposta da concesión, que se otorga por concurrencia competitiva.

Así o explicaba o alcalde do concello, Miguel Bautista, que especifica que «do montante total, 125.000 euros, os FEDER aportan un 80%, 100.335 euros, e o 20% restante, corre pola conta das propias arcas municipais». A concesión deste diñeiro suporá que «dunha vez por todas pasaríamos a ter tódolos pobos do concello con luces led», asegura o rexidor, que apunta que o núcleo de Petín non está contemplado nesta subvención porque «xa se solicitara á Xunta, e veu denegada a solicitude, así que agora queremos volver a pedila ou facelo a través tamén do IDAE».

A renovación do alumbrado que sustituirá as lámparas actuais por lámparas led, quíxose facer pouco a pouco, razón pola que zonas da localidade de Petín xa contan con este tipo lámparas led caracterizadas polo seu aforro enerxético. «Intentamos págalo nós, asumindo o 100% da inversión que ao final recuperas co aforro, pero é certo que cando xa terminache de pagar, tes que cambiar de novo as luminarias polo uso» razón pola que finalmente pediron axuda á Administración.

Petín cambiará as luminarias dos pobos do concello gracias aos fondos FEDER