
A Festa de Santa Apolonia en Carballal, no municipio de Petín, foi durante anos unha das citas importantes da comarca. Antano, persoas de todas as aldeas e vilas achegábanse ata este pequeno lugar para honrar a Santa, patroa dos odontólogos e avogada contra as dores de moas. A devoción por Santa Apolonia estaba fortemente enraizada na cultura popular, pois cando alguén sufría de dor dental, en tempos nos que os dentistas eran escasos e os métodos de tratamento rudimentarios, encomendábase á Santa para atopar alivio.

Porén, co paso do tempo, a celebración foi perdendo o seu esplendor. Como acontece en moitas outras aldeas da comarca, o despoboamento e o envellecemento da poboación fixeron que a asistencia a este tipo de festas diminuíse considerablemente. Hoxe en día, a festa segue a celebrarse, pero cun carácter máis reducido e familiar. Os veciños que quedan en Carballal, na súa maioría xente maior, manteñen viva a tradición, aínda que os máis novos xa non participan tanto, sobre todo na parte relixiosa da festa.

O evento segue contando cunha misa na honra de Santa Apolonia, este ano oficiada por Severino Pérez párroco que fora da parroquia de Santo Estevo na Rúa, axudado polo seu sacristán, Manuel.

Ao remate da celebración relixiosa, onde non faltaron as bombas de palenque durante toda a procesión, unha pequena xuntanza na que os asistentes aproveitan para compartir un momento de confraternidade. A festa, que noutrora era motivo de grandes xuntanzas, música e baile, hoxe vese reducida a unha celebración máis modesta, pero chea de significado para aqueles que seguen honrando a patroa.

A nota anecdótica deste día de celebración púxoa un can que por mor do estrondo que fixeron as bombas foi buscar refuxio detrás da santa e ninguén quixo que se fose. Así que estivo tamén na igrexa durante toda a liturxia.

A pesar dos cambios e da perda de afluencia, Santa Apolonia segue a ser unha parte esencial da identidade de Carballal. A festa, aínda que minguante, representa un vínculo co pasado e unha lembranza das tradicións que fixeron desta pequena aldea un punto de encontro para xeracións enteiras. Parabéns a todos os que, con esforzo e dedicación, manteñen viva esta celebración.