Extinguido o incendio de O Bolo-Vilaseco tras arrasar 273 hectáreas
O lume que comezou na media noite do xoves obrigou a activar en dúas ocasións a Situación 2 de forma preventiva pola súa proximidade ao núcleo de Santa Cruz
Na madrugada do domingo quedou extinguido o incendio forestal do concello do Bolo, na parroquia de Vilaseco. O lume, que comezara o xoves ás 23.47 horas, obrigara a activar en dúas ocasións a Situación 2 pola súa proximidade ao núcleo de Santa Cruz, a última delas o venres pola tarde debido ao empeoramento das condicións meteorolóxicas.
Segundo as estimacións, a superficie afectada ascende finalmente a 273 hectáreas, das cales 192 corresponden a monte raso e 81 a arborado.
A pesares das baixas temperaturas da noite —momento no que se inicio o incendio— o lume activaba a Situación 2 preventiva, ao rexistrarse risco para o núcleo de Santa Cruz. A medida, que fora desactivada na mañá do venres, tivo que reactivarse pola tarde ante o empeoramento das condicións meteorolóxica e pediuse a intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
A Consellería do Medio Rural ademais medidas de protección da poboación e confinábase aos veciños de Lentellais, Santa Cruz e O Bolo.
Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, un amplo dispositivo integrado por 3 técnicos, 23 axentes, 42 brigadas, 26 motobombas, 3 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 6 helicópteros e 11 avións. Ademais, neste operativo participou tamén a Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Medio Rural lembra que está dispoñible o teléfono gratuíto 085 para comunicar a detección dun incendio forestal, así como a liña anónima 900 815 085 para denunciar condutas incendiarias. A información actualizada sobre os lumes que superan as 20 hectáreas pode consultarse na conta oficial de X (antigo Twitter) @incendios085.