viernes. 30.05.2025

O Bolo recupera a maxia do Nadal co regreso de tradicións históricas

Entre as actividades destacas o regreso dunha tradición de hai máis de 30 anos, a chegada dos Reis Magos ao Santuario das Ermitas
somoscomarca_240105_obolo_cabalgata_reyes_navidad 7
O Bolo recupera a maxia do Nadal co regreso de tradicións históricas

O Concello do Bolo prepárase para un Nadal cheo de emoción e tradición grazas a unha programación pensada para toda a veciñanza. Con actividades que rescatan costumes esquecidas e detalles que enchen de maxia cada recuncho, Alberto Vázquez, alcalde do municipio, destaca o esforzo por manter vivas as raíces culturais nesta época tan especial.

A visita de Papá Noel e un Nadal interxeracional

O espírito de nadal comezará o 20 de decembro cunha das citas máis agardadas polos máis pequenos. Papá Noel visitará o colexio pola mañá para recoller as cartas cheas de desexos e ilusións. Posteriormente, levará a súa maxia á residencia da terceira idade, creando unha ponte entre xeracións onde non faltarán sorrisos e momentos inesquecibles.

A Cabalgata de Reis e a recuperación dunha tradición histórica

A cabalgata de Reis volverá percorrer todos os pobos do concello, nunha maratón máxica que comezará o día 5 de xaneiro e continuará até a mañá do día 6. «Somos 28 pobos e queremos que a maxia dos Reis chegue a todos. É unha das nosas prioridades como concello», explica o alcalde.

O broche de ouro porase o mesmo día 6 coa recuperación dunha tradición histórica: a chegada dos Reis Magos ao Santuario das Ermitas antes da misa das 13:00 horas. Esta representación, a cargo do grupo de teatro Platea Lúa, volve tras máis de 30 anos de esquecemento. «Queremos rescatar estas tradicións que forman parte da nosa historia e transmitilas ás novas xeracións. É un orgullo poder devolvelas á nosa veciñanza», engade Vázquez.

Un Nadal de luces e simbolismo

Desde o 5 de decembro, as rúas do Bolo brillan coa iluminación de Nadal, incluíndo a emblemática Torre do Castelo, que se converte nun faro de esperanza e celebración. Ademais, dunha fermosa arbore de Nadal colocado fronte ao Concello dá a benvida a todos aqueles que visitan o municipio.

Si desexa escoitar a entrevista completa pode facelo aquí:

O Bolo recupera a maxia do Nadal co regreso de tradicións históricas