
Manuel Corzo, alcalde da localidade reuniuse ca conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda Ángeles Vázquez
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello do Bolo analizarán as posibilidades de colaborar nun proxecto municipal para poñer en valor o Santuario de Nosa Señora das Ermidas.
Así o acordaron esta mañá a conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde Manuel Corzo no transcurso dunha reunión durante a que tamén abordaron outros asuntos de interese municipal en materia de residuos, medio ambiente e urbanismo.
En concreto, o rexedor ourensán trasladoulle o interese do seu Goberno en acometer unha actuación integral na contorna do santuario que contribúa á súa posta en valor e a desenvolver o potencial desta zona, presidida por un templo catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) e considerado un dos máis representativos da Comunidade.
Neste sentido, Vázquez Mejuto lembrou que o proxecto podería encaixar na liña dos obxectivos que se marca o chamado Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta no ano 2010 co fin de apoiar economicamente ás entidades locais na execución de actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público.
Noutra orde de asuntos, conselleira e alcalde tamén acordaron estudar as posibilidades de colaboración entre ambas administracións co fin de mellorar a recollida selectiva e a reciclaxe no municipio.
Neste sentido, Corzo amosou o seu interese polas axudas que nos últimos dous anos convocou a Consellería para a instalación de puntos limpos móbiles destinados ao depósito, entre outros materiais, de electrodomésticos, fluorescentes, plásticos…
Por último, o rexedor tamén informou á conselleira dun proxecto no que traballa xa o Concello para a creación e o acondicionamento de varias rutas de sendeirismo e de enoturismo co obxectivo de atraer novos visitantes ao municipio.