
Manuel Corzo deixa a alcaldía despois de trinta anos, e un total de cincuenta na política. Está satisfeito polo que fixo aínda que recoñece que aínda se podía facer algo máis, «porque algo máis sempre se pode facer. «Eu non me considero político, considérome médico», afirma, «nestes concellos penso que á xente hai que tratala ben e recibila no lugar que sexa».
Da súa traxectoria, destaca o que tivo que pelexar polo Centro de Saúde, o castelo, As Ermitas... E nos pobos, os centros sociais. «Non se usan moito aínda que cada vez hai menos xente nas aldeas, pero O Bolo é o único concello que ten unha informadora turística pagada por el, non por organismo», explica.

Tamén pon en valor o acceso ao Bolo, xa que «antes había moitas curvas e eu expropei os terreos, penso que poucos alcaldes farían o que eu fixen». «Podo presumir de que O Bolo ten un bo acceso á capitalidade do municipio e eu nunca cobrei un céntimo en todos os anos que gobernei», argumenta Corzo.

O que lle queda pendente a este alcalde é, segundo explica, a estrada de Endesa, que xa se abriron as solicitudes ás empresas para podela facer. «Endesa deunos 135.000 euros, pero despois como subiron os prezos na época do Covid, agora temos que poñer nós outros 28.000 euros”, explica Manuel Corzo. É un acceso dende Outardepregos ata o encoro de Prada.

Porén, Manuel Corzo afima que marcha satisfeito. «Pero polo que máis satisfeito estou é como médico; inimigos temos todos pero eu como médico era a miña profesión, loitei moito», recoñece.

Manuel Corzo despídese da alcaldía coa volta da Festa da Vitela creada no seu mandato e tamén co Festival do Castelo co que se quixo e quere por en valor o patrimonio histórico do concello.

Non faltará neste derradeiro festival Dona Urraca paseando polas rúas cargadas de historia na capital do concello e tampouco a boa música de Banda do Bolo outro pulo á cultura que prendeu neste tempo de Corzo coma alcalde.

«Se a queren continuar que a continúen», afirma, «eu fixen o que puiden, e estou contento de ser alcalde do concello do Bolo, e de Chandoiro, que é o meu pobo».

Durante estes 30 anos como primeiro rexedor é dificil saber onde comeza o político e donde o médico, o que é doado é conclúir que Corzo ama a súa terra: Os viñedos, a historia, a música pero todo gústalle mirar pola súa xente.
