
O Subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, desprazouse esta mañá ao Concello do Bolo onde mantivo un encontro co alcalde, Manuel Corzo, e coa corporación municipal, para presentarlles as liñas habilitadas polo Goberno para os concellos, supervisar os investimentos estatais neste municipio e coñecer as súas demandas e opinións.
Corzo considerou a visita do delegado de «moi interesante» e na que se atopou «moi a gusto cun compañeiro de profesión» que lle propuxo para o concello axudas que «haberá que estudar»
González avanzou o impacto dos investimentos en dixitalización que está a executar o Goberno, a través do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, e que tamén chegará a O Bolo. Esta acción forma parte do Programa UNICO-Banda Ancha, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno.
Puxo ao Bolo como exemplo da aposta do Goberno polos pequenos concellos, «que están chamados a ser protagonistas da transformación de España hacia un país verde, dixital, sostible e cohesionado, para acadar os obxectivos do reto demográfico».

Reafirmou o compromiso do Goberno pola transición verde e a dixitalización dos concellos do rural, con investimentos que, no Bolo, superan os 280.000 euros a través de tres ministerios.
Detallou que o Programa UNICO-Banda Ancha facilitará a conexión de banda ancha con velocidade ultrarrápida a 165 familias e empresas de O Bolo, o que supón que máis do 80% dos habitantes do Concello terán conexión dixital.
Eficiencia do alumeado público
Na mesma liña de transición verde, o subdelegado incluíu a axuda concedida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Instituto para a Diversificación da Enerxía IDAE. Esta axuda ascendeu a 270.827,60 euros e con ela o goberno local afrontou a mellora enerxética do alumeado municipal deste concello.
Visita ao Santuario das Ermitas e aos bens culturais do concello
Emilio González aproveitou para realizar unha visita institucional ao Santuario das Ermidas acompañado polo alcalde e os membros da corporación a quen lles informou das axudas do Goberno para a rehabilitación de Bens de Interese Cultural, como é o santuario, con cargo ao 2% cultural. Unha nova liña de axudas que eleva do 1’5% ao 2% os presupostos do Goberno para a posta en valor de patrimonio histórico e o fomento da creatividade artística e que está desenvolvida polo Mitma e o Ministerio de Cultura e Deporte.
Asemade, visitou o patrimonio cultural do concello como a castelo rehabilitado con fondos europeos do programa Leader e o Museo do Yosso «nunha clara aposta do grupo de Goberno polo fomento e a dinamización do patrimonio cultural e histórico da vila» tal e como destacou Emilio González.
O subdelegado tamén deu traslado á corporación do plan rural de Correos que permitirá acercar os trámites das oficinas de Correos aos domicilios e poderán realizar funcións sen que os habitantes do rural se teñan que desplazar impulsando así a dixitalización e habitabilidade dos servizos do rural.