
Esta mañá, no Castelo do Bolo, celebrouse a presentación oficial do Plan Municipal de Vivenda e Chan 2024-2029. O acto contou coa participación dos técnicos responsables da súa elaboración, o equipo de Luis Álvarez Arquitectura, integrado por Luis Álvarez, Rosario León e Silvia Arias. Estiveron acompañados polo Subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, o alcalde do Bolo, Alberto Vázquez, e a concelleira Mayra Martínez.
Durante a presentación, o alcalde Alberto Vázquez destacou que este plan representa un paso decisivo na política municipal, xa que se trata dun proxecto que pretende sentar as bases para abordar os problemas de vivenda do municipio. «Con este plan iremos chamando ás portas da Administración para explicar os problemas de vivenda que ten este Concello», asegurou.
Pola súa parte, o arquitecto Luís Álvarez subliñou o carácter pioneiro do proxecto en Galicia, definíndoo como un dos primeiros deste tipo na comunidade. Explicou que o obxectivo principal do documento é identificar as necesidades de vivenda, analizar o estado actual do parque inmobiliario e establecer liñas de acción concretas para os próximos cinco anos. Estas accións buscan satisfacer as necesidades identificadas e garantir o acceso á vivenda en condicións axeitadas.
O Subdelegado do Goberno, Eladio Santos, destacou a importancia do plan ao abordar un problema real, que vai máis alá da recuperación demográfica, centrado en garantir o dereito á vivenda. Segundo Santos, o documento posiciona estratexicamente ao Concello do Bolo para acceder ás futuras liñas de axuda en materia de vivenda, tanto da Administración central como autonómica. Ademais, felicitou ao Concello por fomentar dinámicas que favorecen que a poboación permaneza no municipio.
Un plan ambicioso e pioneiro
O Plan Municipal de Vivenda e Chan forma parte do programa “Desarrolla O Bolo”, aprobado en pleno municipal, e foi redactado entre agosto e novembro de 2024. Está concibido como un instrumento estratéxico para atender as necesidades de vivenda do municipio mediante actuacións programadas e orzadas para o período 2024-2029.
En ausencia dunha normativa específica en Galicia, o plan baséase na regulación andaluza, seguindo os criterios da Lei 1/2010, que establece os requisitos mínimos destes documentos. Desde unha perspectiva analítica, aborda a identificación e diagnóstico das necesidades de vivenda e chan. Posteriormente, define obxectivos e estratexias, e detalla un programa de actuacións concretas en dúas áreas clave: o acceso á vivenda e a rehabilitación do parque inmobiliario.
Vídeo da presentación: