sábado. 07.06.2025

A Xunta outórgalle a Distinción ao Mérito Deportivo á organización do Descenso do Sil

portada

A Xunta de Galicia outórgalle a Distinción ao Mérito Deportivo de Galicia 2017 á organización do Descenso do Sil polo bo traballo realizado na disposición desta actividade.

As distincións ao Mérito Deportivo son galardóns de carácter anual creados no ano 2010 pola Xunta coa intención de recoñecer o traballo e a traxectoria no ámbito deportivo de persoas físicas ou xurídicas, entidades ou organismos que teñen contribuído ao crecemento, promoción, fomento e excelencia no deporte e a educación física da nosa Comunidade.

Entre os premiados desta edición encóntrase a organización do Descenso do Sil de O Barco de Valdeorras. A distinción seralles entregada o vindeiro xoves día 8 de xuño no Coliseo Noela de Noia.

Ata alí achegaranse o alcalde de O Barco, Alfredo García, o concelleiro de deporte, Aurentino Alonso, a técnico de deportes do concello, Kissy Torres e o presidente do Club Fluvial O Barco, Fernando Viso. Por outra parte, tamén acudirá o presidente da Federación Galega de Piragüismo, José Alfredo Bea.

O concelleiro de deportes asegurou que dende o concello están “moi orgullosos e moi contentos, porque non deixa de ser algo importante que en toda Galicia se teña en conta o Concello de O Barco e esta proba deportiva que vén de facer 50 anos ininterrompidos de actividade, crecendo máis cada ano”.

Aurentino Alonso sinalou ademais que esta “é unha distinción para todos os barquenses”, sendo o concello “unha mínima parte”, xa que a  alma mater, aclarou, “é o Club Fluvial O Barco”.

A Xunta outórgalle a Distinción ao Mérito Deportivo á organización do Descenso do Sil