domingo. 19.05.2024
somoscomarca_ordenador_manos_mayor_dixitalizacion_20231484

A Xunta de Galicia vén de habilitar aulas nos centros de educación para persoas adultas co obxectivo de facilitar a capacitación dixital. O instituto  Lauro Olmo está entre os seis da provincia de Ourense onde se habilitarán aulas de capacitación que permitirán formarse a  maiores de 55 anos, atendendo especialmente a fenda de xénero á poboación vulnerable e ás zonas rurais

O Portal Educativo vén de publicar a resolución pola que 55 centros da comunidade, entre eles o Lauro Olmo do Barco, que imparten estas ensinanzas incorporan estas novas funcións, co obxectivo de formar en competencias dixitais básicas a 2.815 persoas en Galicia durante o ano 2023.

Esta actuación permitirá á cidadanía formarse en competencias dixitais transversais necesarias para desenvolverse de forma cotiá nunha sociedade cada vez máis dixitalizada, na que servizos esenciais, tales como a banca, o acceso ás administracións públicas ou o consumo se realizan de forma telemática.

As actividades irán dirixidas, preferentemente, ás persoas maiores de 55 anos cun nivel baixo de cualificación neste eido, atendendo especialmente a fenda de xénero á poboación vulnerable e ás zonas rurais.

Con esta medida, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades pretende impulsar as actuacións que levan a cabo os centros que imparten educación de persoas adultas, ao tempo que se cumpre o establecido na Estratexia Edudixital 2030, que ten como eixo segundo a mellora das competencias dixitais da cidadanía no ámbito das súas competencias.

A Xunta habilitará aulas de capacitación dixital no IES Lauro Olmo do Barco