jueves. 26.06.2025

O XIII Ciclo “De Perto” abre o Verán Cultural do Barco o 1 de xullo

A través das propostas de narración oral, teatro, poesía escénica e música folk e tradicional ábrese a programación cultural do verán na vila 
somoscomarca_ angelfernandez_ciclodeperto

O ciclo “De Perto, a palabra contada, cantada e rimada” regresa un ano máis para dar o pistoletazo de saída á programación cultural do verán no Barco. A súa décimo terceira edición celebrarase entre o 1 e o 28 de xullo, cun total de 8 espectáculos repartidos en diversos espazos do municipio.

O cartel desta edición é obra de Ángel Fernández, estudante de 4º da ESO na especialidade de Artes do IES Martaguisela. A súa proposta foi escollida entre preto dunha decena de creacións presentadas polo alumnado do centro.

A maior parte da programación desenvolverase, como é habitual, nos xardíns da Casa Grande de Viloira, aínda que tamén se levarán actividades a outros espazos singulares como o Mosteiro de Xagoaza, a Torre do Castro e a Praia Fluvial do Malecón. As actuacións terán lugar todos os martes de xullo e en tres venres adicionais.

“De Perto” convida de novo á veciñanza a reencontrarse coa palabra, a través de propostas de narración oral, teatro, poesía escénica e música folk e tradicional. Nesta edición participarán artistas como Estefanía Surreira, Fátima Delgado, Xoán Curiel, Simone Negreira, Sole Felloza, Dani Blanco, Alana e Ítaca Teatro.

Os espazos escollidos ofrecen un marco natural e acolledor, ideal para crear un ambiente de serenidade, cercanía e conexión cultural, características que definen o espírito deste ciclo, xa consolidado como unha das citas imprescindibles do verán no Barco.

O XIII Ciclo “De Perto” abre o Verán Cultural do Barco o 1 de xullo