A Praza de Viloira converterase este martes, 11 de novembro, no epicentro dunha das citas máis queridas do outono barquense: o tradicional Magosto do Barco. A partir das 19.00 horas, veciños e visitantes poderán gozar dunha festa popular organizada pola Concellería de Cultura do Concello do Barco, que volverá reunir castañas, música e bo ambiente.
Nesta edición, as brasas estarán preparadas para asar uns 500 quilos de castañas, que se repartirán de forma gratuíta entre todos os asistentes. Non faltarán tampouco as bebidas —tanto para maiores como para os máis pequenos— nin a animación musical, que correrá a cargo da charanga «Os Bierzones», encargada de poñer ritmo á celebración.
O Magosto do Barco mantén así a súa esencia como encontro aberto a toda a veciñanza, un espazo de convivencia e tradición que cada ano marca o corazón do outono en Valdeorras. Desde o Concello lembran que a actividade é de balde e que, no caso de que o mal tempo impida a súa celebración, será trasladada a outra data que se comunicará oportunamente.