viernes. 06.06.2025

Valdeorras abre as portas do seu viño nunha fin de semana de experiencias enoturísticas e sabor local

Arranca  da Primavera de Portas Abertas 2025 cun acto inaugural no que estiveron presentes os viños de todas as adegas participantes e onde se puxo en valor a cultura, a gastronomía e o territorio

Valdeorras deu este venres o pistoletazo de saída á súa edición da Primavera de Portas Abertas, unha iniciativa impulsada pola Axencia de Turismo de Galicia coa colaboración da Ruta do Viño de Valdeorras e outros axentes do territorio.

somoscomarca_rutadelvino_primaverapuertasabiertas337

O acto inaugural, celebrado no Hotel Pazo do Castro, contou coa presenza de numerosas autoridades, entre elas o presidente da Asociación da Ruta do Viño de Valdeorras, Marcos Prada; a delegada especial da Deputación de Ourense e alcaldesa de Sobradelo, María del Carmen González; o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; e o alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, encargado de pechar o evento.

 

O presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Marcos Prada Ginzo, agradeceu a presenza de todos os asistentes e subliñou a importancia desta cita anual para dar a coñecer o potencial enoturístico da comarca. «Ao longo dunha fin de semana, sacamos o mellor de nós para amosar aos visitantes como vivimos e sentimos o viño en Valdeorras», destacou Prada, quen incidiu tamén na ampla programación deseñada para estes días.

Destacou a importancia de continuar apostando por un modelo turístico que dinamice o territorio máis alá das épocas tradicionais de maior afluencia. «Todo isto para continuar poñendo en valor esta comarca e seguir atraendo a turistas e visitantes, cunha oferta que sirva para desestacionalizar o turismo e facer desta actividade unha fonte de recursos para os veciños e veciñas durante todo o ano», sinalou.

Defendeu a necesidade de promocionar Valdeorras «dun xeito integral e conxunto, identificando, por suposto, os valores territoriais singulares de cada concello», e puxo en valor o papel do enoturismo como «elemento clave e diferenciador» dentro desta estratexia.

Na súa intervención, María del Carmen González, alcaldesa de Sobradelo e delegada especial da Deputación, comezou con agarimo e humor: «Marcos, si chove que chova, aquí hai calor para recibir a xente e inda con chuvia isto ferve en alegría e delicia desta fermosa terra».

Tras desculpar a ausencia do presidente da Deputación, Luís Menor, subliñou os múltiples atractivos da comarca, entre os que destacou o viño, as paisaxes bañadas polo Sil, o legado romano da Vía Nova e o Camiño de Inverno.

Apostou por explorar novas vías como o turismo industrial, un proxecto que está a comezar a deseñarse con apoio da Deputación e a Xunta: «Estou convencida de que se converterá nun dos principais atractivos de Valdeorras, igual que no seu día o fixeron As Médulas no Bierzo».

Pechou animando á veciñanza a ser acolledora cos visitantes e a continuar promovendo a riqueza da comarca. «Desfrutade e sede vos acolledores dos que nos visitan. para que cada día se recorde máis a Valdeorras polo viño, pola louxa, polas súas xentes, polos seus paisaxes».

Pola súa parte, Xosé Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia, fixo fincapé na importancia destas iniciativas para a desestacionalización do turismo e na necesidade de continuar apoiando o enoturismo como parte da Estratexia de Turismo de Galicia 2030.

somoscomarca_rutadelvino_primaverapuertasabiertas317
Xose Merelles durante a intervención

Merelles lembrou que nesta 14ª edición participan xa 70 adegas en Galicia, fronte ás 17 da primeira, e felicitou á Ruta do Viño de Valdeorras polo seu traballo: «As rutas do viño poñen en valor non só o produto, senón tamén o territorio, os seus servizos e as súas xentes».

Tamén destacou proxectos concretos como o PSTDPlan territorial de sostibilidade turística de enogastronomía de Galicia 2023-2025—, cun orzamento de 34,5 millóns de euros, que contempla 11 Plans de Sustentabilidade Turística en Destino. No caso concreto da comarca, citou «o PSTD Valdeorras, Ruta do Viño Milenaria, cun investimento de 1,5 millóns de euros, e a colaboración con eventos locais como a Feira do Viño de Valdeorras ou iniciativas gastronómicas.

somoscomarca_rutadelvino_primaverapuertasabiertas321

Rematou reafirmando o seu compromiso co desenvolvemento turístico da comarca: «Estou convencido de que todo este traballo conxunto fará de Valdeorras un dos destinos de interior máis interesantes de Galicia».

O alcalde do Barco, Alfredo García, pechou o acto cun ton distendido: «Xa non falo, marcho, contamos por inauguradas estas portas abertas», dixo entre risas antes de tomar en serio a palabra para destacar a riqueza turística da comarca.

somoscomarca_rutadelvino_primaverapuertasabiertas316

«Valdeorras ten de todo para ser un reclamo turístico. Temos patrimonio en abundancia, natureza, historia e, sobre todo, viño. Temos que crer no que temos e defendelo», subliñou. Animou a todos a desfrutar das xornadas e seguir traballando conxuntamente polo futuro da comarca.

A Primavera de Portas Abertas 2025 en Valdeorras forma parte dun calendario máis amplo que leva a iniciativa tamén ás Rutas do Viño de Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Ribeiro. En total, participan 92 establecementos en toda Galicia nesta edición.

somoscomarca_rutadelvino_primaverapuertasabiertas328

Na Primavera de Portas Abertas da Ruta do Viño de Valdeorras, nesta edición, case unha vintena de actividades permitirán aos visitantes mergullarse na cultura do viño valdeorrés. Haberá visitas guiadas a adegas e covas tradicionais, percorridos pola natureza e o patrimonio local, degustacións, showcookings e propostas gastronómicas que buscan poñer en valor tanto o produto como o territorio. Ademais, este ano participan 12 adegas, 8 aloxamentos e 3 restaurantes, con actividades deseñadas para todos os públicos.

somoscomarca_rutadelvino_primaverapuertasabiertas327

Un dos grandes atractivos volve ser a iniciativa dos Buses do Viño, que traerán a centos de persoas desde diferentes cidades galegas e da contorna como Ponferrada, Ourense, A Coruña, Vigo, Santiago ou Pontevedra. En total, oito autobuses percorrerán a comarca para facilitar o acceso ás experiencias programadas.

somoscomarca_rutadelvino_primaverapuertasabiertas330

Valdeorras abre as portas do seu viño nunha fin de semana de experiencias enoturísticas...