miércoles. 10.12.2025

Vagalume cancela o seu Campamento de Nadal por falta de inscricións tras 26 anos de historia

A asociación devolverá as matrículas ás familias e entregará en Praxis un pequeno detalle co que manter vivo o espírito do campamento
somoscomarca_20250423_obarco_lauroolmo_vagalume_zubizarreta125
Vagalume cancela o seu Campamento de Nadal por falta de inscricións tras 26 anos de historia

A Asociación Vagalume non celebrará este Nadal o seu tradicional campamento. A decisión chega despois de máis de dúas décadas ofrecendo actividades educativas e lúdicas que, ano tras ano, esgotaban practicamente todas as prazas. Nesta ocasión, porén, a participación caeu de maneira inesperada.

O 5 de decembro apenas había nove rapaces inscritos, de idades moi diversas. Un número moi inferior ao habitual e insuficiente —explican— para garantir «unha experiencia segura, divertida e adaptada», un principio que sempre guiou o proxecto.

Desde Vagalume sinalan que este ano a participación se viu claramente condicionada pola presenza doutro campamento organizado por unha empresa privada, que desenvolverá a súa actividade no Pavillón Municipal de Calabagueiros e que foi anunciado nas mesmas datas. Ese solapamento, segundo a asociación, provocou «unha diminución moi significativa» nas inscricións habituais.

Un modelo con identidade propia

No comunicado, a entidade reivindica o valor dun proxecto que mantivo unha identidade moi definida durante 26 anos, asentado en catro piares: Inclusión, valores educativos e actividade analóxica. Un espazo seguro, creativo e cheo de maxia no que os nenos e nenas eran sempre protagonistas. Un equipo de monitores formados en educación, que achegaron «seguridade, afecto, ilusión e profesionalidade». A eles, Vagalume expresa «unha gratitude infinita».

Tamén, prezos accesibles, propios dunha asociación sen ánimo de lucro, para garantir que ningún neno quedase fóra por motivos económicos e Compromiso social, destinando parte das achegas a proxectos como axudas escolares ou os Encontros Familia-Escola.

A entidade lembra que, cando comezaron, apenas existía unha oferta similar en O Barco e en Valdeorras, polo que estes campamentos deron resposta a necesidades educativas, culturais e sociais moi presentes na comarca.

«As familias teñen sempre a liberdade de elixir o mellor para os seus fillos», apuntan desde a asociación. Con todo, subliñan que seguirán apostando por unha proposta centrada «no coidado, nos valores e no acompañamento respectuoso aos ritmos da infancia». «En Vagalume estaremos sempre dese lado», conclúen.

Devolución de matrículas e unha actividade simbólica

A entidade contactará de maneira individual con cada familia inscrita para explicar a situación, pedir desculpas e tramitar o reintegro das matrículas.

Pero tamén queren manter un pequeno vínculo neste Nadal: ao longo desta semana, as familias poderán recoller en Praxis unha sobreira ou aciñeira e unha maceta, materiais para realizar na casa a actividade estrela prevista para o campamento. Árbores fortes e resistentes que, segundo explican, simbolizan «o noso desexo de que os vagalumes sigan iluminando O Barco e Valdeorras durante moitos anos máis».

Vagalume expresa un agradecemento «de corazón» polo apoio recibido ao longo destes anos e queda á disposición das familias para seguir colaborando, orientando e acompañando «no crecemento feliz dos seus fillos e fillas».

Vagalume cancela o seu Campamento de Nadal por falta de inscricións tras 26 anos de...