
A agrupación socialista do Barco de Valdeorras quixo render un emotivo recoñecemento ao xa exalcalde Alfredo García tras o seu anuncio de renuncia. Nunha mensaxe cargada de gratitud, os e as socialistas locais destacan o seu papel esencial na modernización do concello, o seu compromiso coa veciñanza e a súa contribución á consolidación do proxecto socialista en Valdeorras.
«Grazas por mudar a forma de gobernar O Barco, por ser un alcalde accesible a todos os veciños e veciñas, por escoitar e por demostrar que era posible exercer a autoridade desde o servizo á cidadanía», afirman.
O texto destaca a cercanía de García durante os seus mandatos, lembrando que levaba o despacho do alcalde «a Fervenza, a Soulecín, a Vilanova, a Tremiñá, a Viloira, a Calabagueiros… a todos os barrios e núcleos rurais». Subliñan tamén o seu costume de facer preguntas directamente á veciñanza, de escoitar e volver á casa «coa libreta chea de problemas a solucionar».
Desde a agrupación socialista do Barco afírmase que «nunca os e as barquenses se sentiron tan atendidos nas súas peticións» como durante os anos de mandato de García, e valoran especialmente a súa valentía para asumir proxectos ambiciosos: «Levaches a cabo iniciativas que parecían imposibles pero que transformaron O Barco».
Tamén se pon en valor a súa entrega como militante socialista, imprimindo —din— «os valores do socialismo en cada acción ou programa de goberno, mirando exclusivamente polo benestar e o progreso da cidadanía». Recordan o seu impulso constante en cada proceso electoral, así como o apoio que sempre prestou ao resto de alcaldes, alcaldesas e portavoces da comarca.
«Grazas por chamar a tantas portas de todas as administracións, buscando investimentos e visibilización para O Barco. Grazas por dar a cara nos momentos complicados. E grazas por non abandonar nunca Valdeorras na túa longa carreira política», conclúe a carta, que remata cunha mensaxe directa: «Desfruta da xubilación e lembra que seguiremos contando contigo».
Álvaro Vila: «Deixa unha pegada indeleble na historia do Barco»
O secretario provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila, tamén quixo expresar o seu recoñecemento á figura de García, a quen definiu como «un referente para todo o socialismo ourensán e galego». En declaracións emitidas este 1 de agosto, Vila destacou a súa «dedicación incansable ao servizo público» e a súa capacidade para combinar «proximidade coa xente, traballo rigoroso e visión de futuro».
Segundo Vila, Alfredo García foi «o artífice dunha transformación profunda do Barco de Valdeorras», consolidando a vila como «un modelo de xestión socialista comprometida co progreso e o benestar da cidadanía». Subliñou tamén que a súa acción de goberno sempre se centrou «en mellorar a calidade de vida das familias traballadoras» e en garantir servizos públicos de calidade.

Ademais, destacou o seu papel como defensor dos intereses de Valdeorras en distintas institucións, así como a súa habilidade para «tender pontes e buscar consensos» como marca do socialismo democrático. O líder socialista tamén se referiu ao futuro do Barco tras esta etapa, e expresou a súa plena confianza en que «o compañeiro ou compañeira que asuma o relevo estará á altura e contará co apoio incondicional de todo o partido».
Vila insistiu en que a continuidade está garantida: «O socialismo valdeorrés ten cadros preparados e comprometidos que saberán manter e mellorar o excelente traballo realizado durante todos estes anos». E concluíu asegurando que Alfredo García deixa «un legado sólido e unha base firme sobre a que seguir construíndo», coa pegada dun alcalde que sempre exerceu «desde os valores da solidariedade, a igualdade e o progreso compartido».