
Presentación das IV Xornadas do Botelo e o Cocido Valdeorrés
Un evento gastronómico que reúne a 11 restaurantes durante dous fins de semana consecutivos e que se presentará no Bierzo

O Barco de Valdeorras acolle con grande expectación a IV edición das Xornadas do Botelo e o Cocido Valdeorrés, un evento gastronómico que reunirá a 11 restaurantes —un deles de Vilamartín— durante dous fins de semana consecutivos. A cita permite gozar da mellor gastronomía local e afianzar a tradición culinaria da zona.
O alcalde do Barco, Alfredo García Rodríguez, destacou o traballo feito para ampliar a duración do evento, aínda que apuntou que son os hostaleiros os que deben ver esta actividade como un negocio rendible. «Temos 11 restaurantes que participan nestas xornadas en dous fins de semanas. Estivemos traballando para que fora máis tempo, pero os que teñen que ver que este proceso como un negocio eficiente son os hostaleiros», afirmou García. Cabe des destacar que para a primeira xornada xa non hai dispoñibilidade.
O rexedor tamén anunciou que se presentarán as xornadas no Bierzo, buscando atraer visitantes. «Todo está cheo. Esperemos que os que non estean para comer o botelo o sábado poidan facelo o domingo», sinalou.
A colaboración entre o Consello Regulador, o Concello e os hostaleiros tamén foi subliñada polo alcalde, que explicou: «Hai un acordo entre o Consello Regulador, o Concello e os hostaleiros, así que somos complementarios; como nos imos comer ao Bierzo, eles tamén poden vir aquí».
Por outra banda, García puxo en valor a Ruta dos Pinchos, que foi «apoteósica» durante a fin de semana. «Seguimos nesta liña de apoio á restauración para que teñan cousas. O Concello está pola labor e estamos apoiando ao sector, salvo algunha voz discordante que sempre hai que telas», comentou.
Pola súa parte, a concelleira de Turismo, Alba Rodríguez, explicou a orixe destas xornadas: «Naceron a raíz da pandemia do 2020, cando non se puido celebrar a festa do botelo, e queriamos que a xente non se quedase sen este prato tan típico da nosa terra», dixo Rodríguez.