
A venda de entradas para a Festa do Botelo deste 2025 comezou no Teatro Lauro Olmo do Barco cunha puntualidade británica, e non deixou a ninguén indiferente. Este ano, a cita acadou cifras sen precedente: a cola formouse xa ás dez da noite do venres, moito antes do habitual. As portas do teatro abríronse ás 3:27 horas, e ás 4:45 entregábase o último número con opción directa a entradas, o 135. A demanda foi tal que 14 persoas, solicitando un total de 50 entradas, quedaron en lista de espera. Pouco máis dunha hora despois, pechábase a venda.
Entre os asistentes, as emocións estaban á flor de pel: anécdotas, risas e tamén algúns momentos de frustración pola imposibilidade de obter os cobizados boletos amarelos, que dan acceso ao pavillón. Este ano, os que fixeron cola madrugaron coma nunca; os primeiros, de feito, nin sequera se deitaron.
A concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta, encargada da organización desta emblemática festa gastronómica, atribúe o éxito á implicación da mocidade. «Cada ano batemos máis récords na entrega dos números. A xente madrugou moitísimo. O público máis novo está a tomar este día como unha festa: participan na ruta de pinchos, toman unhas copas e logo xa quedan a facer a cola», comenta.

Con máis de cincuenta entradas en reserva, Pizcueta recoñece que será complicado satisfacer toda a demanda, pero lembra que o propio Día do Botelo, fronte ao pavillón, adoitan aparecer entradas dispoñibles debido a imprevistos. Para aqueles que quedaron sen entrada, aínda queda unha pequena esperanza.

A concelleira destaca tamén o interese interxeracional na festa: hainos que non faltan a ningunha edición e outros, máis novos, que se animan a vivir a experiencia por primeira vez. «Encántanos ver novos comensais e disfrutóns da festa, porque isto asegura o futuro do Botelo», afirma.
Outro sinal do éxito é a alta ocupación dos restaurantes da zona. «Hai locais que colgaron o cartel de completo hai dous meses», explica Pizcueta. Desde o concello valoran moi positivamente o impacto económico desta celebración, que atrae visitantes e dinamiza a economía local durante toda a fin de semana.
Unha vez máis, o Botelo demostra ser o auténtico rei da gastronomía barquense, consolidándose como un evento imprescindible no calendario festivoe gastronómico de Galicia.