domingo. 01.06.2025

A petanca volverá soar nas Festas do Cristo

Será a sexta edición que organizan dende este club que naceu en Valdeorras no ano 2016

somoscomarca_240912_obarco_gabril_angel_petanca415
Gabriel Álvarez, presidente do club, e Ángel Carracedo, secretario

Un ano máis, e con este xa van seis, dende o Club Petanca Valdeorras organizan de novo o campionato desta modalidade enmarcado nas Festas do Cristo do Barco. 

Será o sábado 21, case unha semana despois de rematar as celebracións, para así non ter tantas actividades nas mesmas datas e poder «respectalas», asegura Ángel Carracedo, secretario da organización. 

De feito, así será máis sinxelo organizar a todas as tripletas que acudiran de puntos como A Coruña, Lugo, Vigo ou San Pedro de Tormes. «De momento somos 16, pero esperamos ser 24», desexa o presidente, Gabriel Álvarez. No municipio barquense contan con oito pistas para xogar a petanca, as cales permiten un número limitado de xogadores. 

Para poder anotarse é sinxelo. Pódense apuntar mediante o teléfono 627.50.74.26. Iso si, deberase abonar unha inscrición de 10 euros por cada integrante da tripleta —un total de 30 euros por equipo—.

Os catro primeiros na clasificación recibirán un premio, aínda que todos os participantes terán un obsequio para recordar esta data e campionato no Barco de Valdeorras. 

«Gozámolo a tope», desta maneira define a xornada Ángel. Así que o desfrute está garantido este 21 de setembro dende as 10:00 nas Pistas de Petanca do Chao. 

Se desexa saber máis sobre este club ou outras competicións pode facelo na seguinte ligazón:

A petanca volverá soar nas Festas do Cristo