Mañá, martes día 16 de xullo ás 20:30 horas, os Xardíns da Casa Grande de Viloira acollen o espectáculo "Movendo os marcos" dentro do XII Ciclo De Perto. Anxo Baranga da agrupación teatral Furafollas e Blanca Galán, traen esta función ao Barco para «mover os marcos da sociedade».
Este espectáculo foi creado para representalo polas aldeas de Valdeorras no «ano de Florencio Delgado Gurriarán», asegura Baranga. Despois de problemas de saúde, «podemos recuperar este proxecto e traelo a De Perto». O principal obxectivo que teñen dende Furafollas é recuperar esa figura de Florencio a Valdeorras.
O espectáculo pretende «mover os marcos físicos e mentais». Trataranse temas da Galicia so século XX e como foi evolucionando, «intentamos recuperar a memoria e a lingua».
Esta obra basease en «feitos persoais», de feito a historia que contará Baranga céntrase «nas vivencias que tiven de crío en Córgomo, Baxeles ou Portela». Aparecerán elementos «que a propia modernidade nos vai cambiando, movendo os marcos», explica.