sábado. 20.04.2024

A instalación da rampla de acceso finalizará nas vindeiras dúas semanas

O consistorio barquense está a instalar unha rampla na nova zona verde, no Paseo do Malecón, á altura do Casino. Servirá para acceder ó que anteriormente era a escolleira do Porto da Barca. Alí estase a habilitar esta nova zona verde, con céspede e árbores. Esta rampla dará servizo a cidadáns e tamén ós traballadores municipais encargados do mantemento.



O alcalde do Barco, Alfredo García, explicaba esta mañá que «había un proxecto con Confederación que nos parecía moi interesante, na escolleira» pero que finalmente non logrou saír adiante. «Visto que iso non se podía desenvolver, mandamos un proxecto a Confederación para reenchela de terra». «Puxéronse unhas árbores, púxose herba, pero tiñamos o problema do acceso», explicou.



A instalación estana a levar a cabo os traballadores do Obradoiro de Emprego, que se atopa na súa última fase. Prevese que remate dentro das vindeiras dúas semanas.

A rampla servirá para que os empregados municipais baixen a realizar tarefas de mantemento tales como desbrozar ou, tal e como comentaba o rexedor, para que a xente «poida estar aí, apoiada no muro e tomando o sol».

Estrutura de metal onde se situará a rampla

O Concello do Barco acondiciona unha nova zona verde na ribeira do Sil