As novas incorporacións ao Belén de Louxa de Éntoma
Un ano máis, Raúl, segue incorporando novos módulos ao Belén de Louxa que por estas datas abre as súas portas nas antigas escolas de Éntoma (O Barco de Valdeorras).
Un dos maiores valores que ten esta creación é que está feito en toda a súa totalidade a man e, sen esquecer, que está creado con louxa —un importante recurso da zona—. «Cunha tesoira e un martelo arránxome arréglome», explica Raúl. Ó que engade: «Sería fácil comprar as cousas e estarían perfectas. Pero ao que imos é ao manual».
Nesta ocasión, a modernidade entrou pola porta grande. Segundo conta o propio Raúl, «isto é máis futurista que belenista». Fala da Ponte de Galir, descoñecida para moitos, por onde pasa o ferrocarril á beira do cemiterio. «Un amigo de Ourense mandoume o tren e as vías. Despois, comezoume a insistir en que o puxese e ao final fíxeno», lembra entre risas Raúl.
Outra das cousas novas que se poden ver na exposición, aínda que non teña que ver con Éntoma, é a Torre de Hércules, que conta co seu propio faro de luz.
E, por outra banda, cóntase con pequenas reformas, por exemplo, a canteira sufriu algúns cambios para que así luza moito máis.
No primeiro módulo, atópase unha adega. Fíxose para poder representar algo tan característico da zona como é o viño. Durante este pequeno percorrido, vaise mostrando a maneira na que se fai ata chegar ao expositor.
Outra das partes, como non, é o Belén. Este conta co seu propio comercio, o forno e o "Muiño Vello". Tamén, como é obvio, cos Reis Meigos e a estrela que os guiará.
Ó carón do Belén está a romaría do Galir. Nesta está unha xeadería, grellas e, como non, o polbo e o viño. A procesión está amenizada por "Os Chipi Chipi", unha famosa orquestra que houbo en Éntoma, así que non podía faltar nesta recreación. «Tocaban a partir das dúas da mañá», conta Raúl.
Este ano, de novo, está o Castelo de Arnado, outra das xoias da exposición. A esta creación non lle falta ningún detalle, «este está moito máis novo», comenta entre risas Raúl. E continua dicindo: «Hai sobre de 4000 pezas de lousa, aínda que non o pareza».
Pero, non te engañes, non todo é unha representación de cousas reais. Hai esculturas que saen da imaxinación do creador, como pode ser unha igrexa, unha fortaleza, animais, unha palloza ou unha fonte do desexos.
Para poder velo en detalle, o horario de visitas é de luns a venres de 17.00 a 20.00. Os sábados, domingos e festivos de 12.00 a 20.00. Poderase visitar ata o 8 de xaneiro.