«Non esperabamos menos, pero pedimos todo o contrario»
O pasado mes de xuño un grupo de nais e pais presentaba no pleno do Barco unha proposta de moción conxunta para «urxir á Xunta a que se poida cubrir a praza de pediatría que está baleira, e ante a inminente xubilación do profesional actual». Un escrito que foi asinado polos tres partidos políticos con representación no municipio —PSOE, PP e BNG—.
Entre as peticións contempladas na devandita moción estaba «non usar esta causa como arma política». Algo que non sucedeu no Parlamento Galego. «Lamentamos que se teña convertido nun debate e nunha cuestión de partido. Non esperabamos menos, pero pedíamos todo o contrario», expresaba Aurora Rodríguez, unha das nais impulsoras da moción.
Xa no pleno ordinario do Barco deste mes de xullo era o BNG quen reclamaba ao Partido Popular «máis presión, tedes liña directa con esta entidade e podedes conseguir algo máis» e lamentaba que fora o PSOE quen liderara esta moción no Parlamento autonómico, «cando o que se acordou neste municipio foi facelo dun xeito conxunto».
Onte, na sesión plenaria do Parlamento Galego foi o Partido Socialista —en concreto, a súa parlamentaria Carmen Rodríguez Dacosta— quen interpelaba á Xunta directamente cunha pregunta. «Como valora o Goberno galego a situación denunciada polos pais e nais afectados pola falta de pediatras no Centro de Saúde do Barco de Valdeorras?».
Nese senso dirixíanse os socialistas directamente ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para que «garanta o servizo de Pediatría no Barco de Valdeorras, logo da xubilación do único médico que queda atendendo aos pequenos, prevista para este outono».
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade respondía á alegación dos socialistas asegurando que «a asistencia pediátrica no centro de saúde do Barco de Valdeorras está plenamente garantida». Ofrecía o dato ademais de que «a demora para conseguir cita é de cero días en ambos os dous cupos pediátricos do Barco de Valdeorras».
Gómez Caamaño indicou que o centro de saúde «desta localidade ourensá conta cunha dotación de dous pediatras e, aínda que actualmente unha das prazas está vacante, o Servizo Galego de Saúde agarda adxudicar a segunda delas nunha nova volta do concurso de prazas de difícil cobertura impulsado pola Xunta».
As nais e pais afectados están agardando aínda a resposta do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.