sábado. 07.06.2025

Mulleres de Veigamuíños: artífices da maxia do Nadal

O Apalpador, os esquiadores, os beleis ou o tren de regalos transforman as rúas e prazas con creatividade, unión e ilusión, mantendo vivo o espírito navideño 

Levan tres anos enchendo de maxia as rúas e prazas de Veigamuiños, convertendo esta parroquia do Barco nun recuncho onde o espírito do Nadal florece con forza. Este labor, tan especial, é obra dun grupo de mulleres cheas de creatividade e ilusión, que cada ano engaden novas decoracións.

somoscomarca_241212_obarco_veigamuiños_navidad796
Arranxando o Apalpador que está na marquesiña

Entre as súas recentes creacións destacan o Apalpador, un buzón para deixar as cartas do Papá Noel e os Reis, o tren de agasallos, esquiadores, velas e figuras que parecen cobrar vida. «O cambio que houbo foi de Bea e Marina que lle axudou. As demais pintábamos», comenta Carmen a presidenta desta agrupación.

somoscomarca_241212_obarco_veigamuiños_navidad800
Escena dos esquiadores na costa de Veigamuiños

Bea é o motor desta iniciativa, como ben di Marina: «As ideas veñen Súper Bea que é unha todo terreo. Se hai que serrar, serra; se hai que taladrar, taladra. Non hai nada que se lle resista». Ao seu carón están, na antigua  casa da escola —onde quedamos para conversar—, Carmen, a presidenta: xunto con Luli, Manoli e María del Carmen, que corroboran todo o que se está a falar.

somoscomarca_241212_obarco_veigamuiños_navidad787
Boneco de neve que sinala de xeito moi navideño onde quedan as parroquias

Un dos grandes reclamos desta edición son os esquiadores que descenden a costa de Veigamuiños, ou baixan no telesilla, e o tren cargado de agasallos que representan a ilusión, á porta da igrexa. Nun lateral do templo, unha árbore de Nadal feita con listóns de madeira onde se poden ler os nomes de todos os nenos do lugar. Xusto en fronte, o Apalpador recibe aos visitantes dende a marquesiña onde para o autobús.

somoscomarca_241212_obarco_veigamuiños_navidad795
Arbore feita cun palé onde están os nomes de todos os nenos de do lugar

Seguindo o curso do arroio Mariñán máis árbores con desexos, renos, velas e ao fondo un nacemento feito con figuras de tronco ao que non lle falta detalle e o que é preciso ver de noite e de día. 

somoscomarca_20241212_veigamuiños_decoracionnavidad_noche (7)
O Nacemenro de noite

Non queda atrás o barrio veciño de Tremiñá, que tamén luce adornos feitos por estas mulleres. Alí, os beléns destacan pola súa localización: un está nun antigo muíño á beira do arroio Mariñán, e outro repousa ao pé dun cruceiro, no traxecto do Camiño de Inverno.

somoscomarca_241212_obarco_veigamuiños_navidad807
No fondo da imaxe o muíño ao carón do Mariñán adornado coas madeiras pintadas de personaxes navideños

A Asociación de Mulleres Rurais de Veigamuiños non se detén. Levan case 20 anos organizando obradoiros de bolillos, punto canario, memoria e pandeireta, así como ximnasia adaptada tanto para quen pode traballar no chan como para as que o teñen que facer na cadeira. Ademais, tamén teñen un papel protagonista nas festas, como as de Santo Tirso, que se celebrarán o 17 e 18 de xaneiro con campionatos de tute e xogos para os máis pequenos.

somoscomarca_241212_obarco_veigamuiños_navidad806
O camiño de Inverno ao seu paso por Tremiñá tamén se engalanou

A forza da unión e a paixón polo seu pobo refórzase enchendo cada recuncho de Veigamuiños e Tremiñá co calor do Nadal e co traballo en equipo. Un exemplo de compromiso, creatividade e ilusión sen límites.

somoscomarca_241212_obarco_veigamuiños_navidad789
A maxia do Nadal ás portas das vellas escuelas

No seguinte vídeo podes escoitar a conversa mantida coas mulleres rurais de Veigamuiños e tamén dar un paseo polas rúas e prazas adornadas por estas mulleres:

Mulleres de Veigamuíños: artífices da maxia do Nadal