lunes. 22.06.2026

“O Merendoiro” volve ao Barco para activar o verán da mocidade con lecer creativo e participación

A iniciativa, impulsada polo Concello e Outonía, ofrecerá en xullo unha programación de obradoiros para mozos e mozas de entre 16 e 35 anos
somoscomarca_1841
somoscomarca_1841

“O Merendoiro” regresa este verán ao Barco de Valdeorras cunha nova edición que reforza a súa aposta por ofrecer á mocidade alternativas de lecer diferentes, participativas e con contido. Tras a boa acollida da súa primeira edición, o proxecto volve cunha programación renovada que combina formación, convivencia e creatividade.

Impulsada polo Concello do Barco, a través da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, en colaboración coa cooperativa de educación social e dinamización comunitaria Outonía, esta iniciativa busca crear espazos de encontro onde a mocidade poida compartir, aprender e experimentar.

Ao longo do mes de xullo desenvolveranse seis obradoiros, algúns deles en varias sesións, arredor de temáticas diversas. A proposta está pensada para espertar a curiosidade, fomentar a participación activa e abrir novas vías de expresión e aprendizaxe entre os mozos e mozas de entre 16 e 35 anos.

“O Merendoiro” mantén así a súa esencia: un modelo de ocio alternativo que vai máis alá do entretemento, convidando á reflexión colectiva e ao vínculo co territorio. A través de actividades dinámicas e prácticas, preténdese crear un espazo no que a mocidade se sinta protagonista, poida expresarse libremente e formar parte activa da vida social e cultural da contorna.

A programación completa darase a coñecer nos vindeiros días a través das canles oficiais do proxecto. O prazo de inscrición abrirase o luns 22 de xuño, momento no que as persoas interesadas poderán anotarse nos distintos obradoiros.

Para máis información, as persoas interesadas poden consultar o perfil de Instagram @merendoiro.obarco ou contactar a través do teléfono 602 49 99 38.

Un verán para compartir, crear e medrar

Con esta nova edición, “O Merendoiro” consolídase como unha proposta necesaria para a mocidade valdeorresa, ofrecendo un espazo onde o tempo libre se converte tamén en oportunidade: para descubrir intereses, tecer relacións e construír comunidade desde o creativo e o colectivo.

“O Merendoiro” volve ao Barco para activar o verán da mocidade con lecer creativo e...