Membros da asociación Disvalia viaxan ata a Costa da Morte

A actividade ten como obxectivo vivir unha experiencia de navegación a vela. O veleiro foi incautado ao narcotráfico pola Audiencia Nacional e entregado en garda e custodia a unha entidade de persoas con discapacidade

Os máis de 250 quilómetros que separan as localidades do Barco de Valdeorras e Camariñas non foron un obstáculo para que un grupo de persoas usuarias de Disvalia (Asociación de Persoas con Discapacidade da comarca de Valdeorras) se desprazaran ata a Costa da Morte. Unha viaxe de máis de tres horas que tiña un obxectivo moi especial: vivir a experiencia de navegar a bordo do veleiro Laion, grazas ao proxecto "Galicia Vela Adaptada", que achega a persoas con mobilidade reducida á navegación a vela.

Este proxecto viu a luz en 2002, cando o veleiro foi incautado ao narcotráfico e cedido en garda e custodia á asociación Adisbismur, tamén integrada en COGAMI, á que pertence Disvalia.

Dende entón, o Laion ten facilitado que persoas con discapacidade poidan gozar das actividades náuticas, ao estar adaptado para embarcar a persoas con mobilidade reducida. Nesta edición, o proxecto conta co respaldo económico da Deputación da Coruña, reforzando así a súa continuidade e o compromiso coa inclusión no deporte.

Características do veleiro Laion

O Laion, de 13 metros de eslora, conta con adaptacións para facer practicable a navegación, como un guindastre instalado na botavara que permite embarcar ás persoas con mobilidade reducida dende o pantalán ata uns backets instalados na bañeira do barco. O control da embarcación conta cun winche eléctrico que se activa a través dun pulsador electrónico que facilita o seu goberno.

Cunha tripulación formada por persoas voluntarias, Noemí Bermúdez e Marcos Trillos, os dous patróns da embarcación que son membros da asociación Cataventos, aos que se lles unirán outras catros persoas voluntarias que se irán alternando nas travesías.