viernes. 01.05.2026

Os Maios, ou a primavera que canta e nace das mans

Desde o pasado ao presente, os Maios seguen vestindo as súas estruturas coa natureza
somoscomarca_obarco_maios_juliogurriaran
Os Maios, ou a primavera que canta e nace das mans. Maio do colexio Julio Gurriarán

Hai lembranzas que florecen cada ano, coma se tamén elas soubesen cando volve a primavera. No Barco, cada primeiro de maio, a tradición dos Maios regresa coma un eco antigo que se resiste a desaparecer.

Din que é unha festa vella, máis vella ca nós, máis vella ca os nomes das aldeas. Mais para min comeza na voz da miña nai, cando me contaba que de nena saía ás rúas cun saco por riba, enchido de flores de xesta e de herbas novas, recollidas nos montes que daquela eran todo o mundo.

Ían en grupo, cantando:

Este é o Maio do señor Abel,
que pide as garrulas e canta de pé.
Que de pé, que de sentada,
este é o Maio que pide as castañas.

As “garrulas”, dicíame ela, eran castañas secas. Pequenas cousas que alimentaban o corpo mentres a música alimentaba a festa. E así, entre cantigas e risas, ían pedindo, celebrando, chamando pola vida que volve.

Pasaron máis de cen anos desde aquelas andainas, e con todo, algo permanece. Porque hoxe O Barco segue a erguer os seus maios, coma un dos poucos lugares que resisten, xunto con Ourense ou o O Val da Louriña (Pontevedra), a deixar morrer esta maneira de entender o tempo.

somoscomarca_obarco_maios_condefenosa
Colocando a cabeza do maio no Condesa de Fenosa

Agora son os nenos quen toman o relevo. Nos colexios, as mans pequenas e as grandes mestúranse para dar forma a estruturas cubertas de flores, de musgo, de cores que só existen en maio. As coplas nacen nas aulas e medran entre risas, afinadas logo polos mestres, coma quen poda unha árbore para que dea mellor froito.

somoscomarca_obarco_maios_juliogurriarán
Nenos do Julio Gurriarán facendo unha das estruturas

O primeiro é ir ao monte. Así foi sempre. Subir polos camiños e recoller as xestas, os carpazos e toda esa vexetación que dará forma ao maio, coma quen xunta anacos de primavera.

somoscomarca_obarco_maios_colegiodivinapastora
O maio do Colexio Divina Pastora a punto de ser trasladado ata a praza do Concello do Barco

Logo vén o labor paciente de colocalas na estrutura, ás veces mesmo darlle antes a forma, imaxinalo antes de que exista. Mais este ano o camiño é distinto, hai que facer un esforzo maior, buscar máis lonxe, porque alí onde antes todo era verde, os incendios deixaron unha pegada negra que tamén forma parte da memoria. E, con todo, o maio erguerase igual, teimudo, vestindo de vida o que o lume quixo borrar

somoscomarca_obarco_maios_condesadefenosa
No Condesa de Fenosa colocando as xestas no máis alto, onde máis costa

Conta Nacho Ermida, director do colexio Julio Gurriarán, que no seu centro levan facendo maios «desde tempos inmemoriai». El mesmo lembra a festa desde sempre, como quen lembra algo que nunca comezou nin rematará. Ás veces fan dous: un máis enxebre, outro máis artístico. Outras veces, simplemente deixan que a participación marque o camiño. Porque diso vai todo isto, de participar, de estar, de continuar.

somoscomarca_obarco_maios_juliogurriaran
Nais do Julio Gurriarán poñendo flores no maio artístico

Na mañá do primeiro de maio, mentres a vila esperta, «profesores, familias e alumnado colocan as últimas flores», di Silvia, a profe do colexio Ramón Otero Pedrayo de Viloira . Ás once, na praza do Concello, os maios xa están en pé. E con eles, tamén unha tradición feita cas mans e cos recordos

O espírito que agroma

Antes de ser festa, foi rito. Antes de ser música, foi necesidade. Os Maios nacen dun tempo no que a terra erao todo. Celebraban a fertilidade, o regreso da luz, a promesa das colleitas. O “Maio” era a propia natureza que espertaba, unha árbore erguida cara ao ceo, unha figura cuberta de follas, un símbolo de que a vida sempre volve.

somoscomarca_obarco_maios_condesadefenosa
Flores entretexidas facendo unha girnalda que logo se colocará no maio

Co paso dos séculos, ese espírito transformouse. Hoxe vístese de arte efémera, de estruturas que duran apenas un día pero que conteñen séculos de historia. E nas coplas, entre a retranca e a crítica, segue latexando a mesma idea: a da vida, a da celebración  vivir, celebrar e a da lembrarza.

Porque mentres haxa alguén que cante, mentres haxa quen xunte flores nunha estrutura, mentres maio chegue, os Maios non morrerán.

Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado

Os Maios, ou a primavera que canta e nace das mans