O Teatro Lauro Olmo de O Barco acolle esta tarde, ás 20.00 horas, a proxección do documental «A loita final», unha obra audiovisual centrada na problemática social e ambiental arredor do proxecto de instalación dunha macro celulosa por parte de Altri en Galicia. A entrada é gratuíta.
O acto contará coa presenza do director, Enrique Banet, e da produtora e actriz galega, Mabel Rivera, quen presentarán o filme e participarán nun coloquio co público ao remate da proxección.
Trátase dun documental totalmente independente, elaborado dende o compromiso social dos seus autores coa realidade galega. O proxecto nace, segundo explican, da profunda preocupación cidadá ante as consecuencias que podería ter unha industria de semellante dimensión na contorna prevista.
Mabel Rivera subliña que «aínda non se coñecen con profundidade certas cuestións» relacionadas con Altri e que unha das principais motivacións para abordar esta obra foi o alarmante informe emitido polo Consello da Cultura Galega, que puxo en alerta a moitos colectivos sociais e ambientais.
O obxectivo de Banet e Rivera é claro: informar e facer reflexionar, ofrecendo ao público ferramentas para construír unha opinión libre e fundamentada sobre un asunto que afecta de cheo ao futuro do territorio.