jueves. 26.06.2025

Lixeiro incremento dos delitos no Barco a causa da ciberdelincuencia

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presidiu a Xunta Local de Seguridade, acompañado do alcalde, Alfredo García. Destacaron o incremento da resolución de delitos por parte da Garda Civil

somoscomarca_240830_obarco_junta_seguridad_local_lalo615
Lixeiro incremento dos delitos no Barco de Valdeorras a causa da ciberdelincuencia.

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e o alcalde do Barco, Alfredo García, copresidiron a Xunta Local de Seguridade na que se analizou a situación de seguridade cidadá no municipio, os casos de violencia de xénero, o Plan Director para a Convivencia nos centros educativos e as previsións de seguridade cara ás vindeiras festas locais

Os datos expostos na reunión reflectiron que no Barco produciuse un lixeiro incremento dos delitos graves e menos graves, respecto ao mesmo período do ano anterior, aínda que se manteñen en cifras semellantes a outras vilas da provincia. 

Segundo os participantes na Xunta, este pequeno repunte se debe á ciberdelincuencia. Estafas por proporcionar datos bancarios mediante chamadas de teléfono, ventas fraudulentas a través de internet, ofertas de falsas compañías telefónicas ou bancarias, son algúns dos casos denunciados con maior frecuencia. 

Por outra banda, destaca o incremento da resolución de delitos graves, leves e infraccións administrativas por parte da Garda Civil en relación co ano anterior. 

En materia de violencia de xénero, os participantes na Xunta Local resaltaron a importancia da prevención, a educación e o seguemento dos casos. As forzas de seguridade presentes destacaron a coordinación que manteñen entre elas nesta materia. 

Aumento de efectivos como necesidade

En canto ás necesidades suxeridas, tanto a Policía Nacional —que conta cunha unidade de documentación no Barco—, como a Garda Civil e a Policía Local do municipio coincidiron en que o incremento en medios e axentes tradúcese na mellora da seguridade para o cidadán. 

O subdelegado do Goberno recolleu a súa solicitude e explicou que «cada ano a Oferta de Emprego Público estatal incrementa o número de novas incorporacións de gardas civís e policías nacionais de toda España. Concretamente en Galicia, vai haber 3.000 novos axentes en cada un destes corpos».

Eladio Santos concluíu a reunión facendo fincapé en que «aínda que hai que abordar os problemas, como a ciberdelincuencia e as infraccións administrativas, O Barco é un lugar seguro e habitable».

Ademais do subdelegado e o alcalde, estiveron presentes a delegada territorial de Presidencia da Xunta de Galicia, Beatriz Fernández; representantes da Garda Civil, Policía Nacional e Policía Local do Barco; e foron convidados o Centro Comercial Aberto e a Asociación Empresarial de Valdeorras, para analizar en conxunto a situación do municipio.

Lixeiro incremento dos delitos no Barco a causa da ciberdelincuencia