sábado. 10.12.2022

Case un ano despois de que abrise o Festival de Cine Independente de Ourense (ó que corresponde a imaxe superior co equipo de Santoalla: Cristina de la Torre e os directores Andrew Becker e Daniel Merher, acompañados do director do festival, Fran Gayo), Valdeorras é o lugar escollido para facer a estrea comercial en cines españois da longametraxe documental Santoalla. Dende a súa estrea internacional no 2016 no Festival de Cine de Edimburgo, Santoalla ten pasado por máis de vinte certames por todo o mundo, entre eles o DOC NYC en Nova Iorque, o IDFA en Amsterdam ou o Bafici en Bos Aires. En varios deles, como Austin e Tallgrass, recibiu o premio ó mellor documental. Rodada entre os anos 2013 e 2015, a película narra os acontecementos que rodearon a desaparición de Martin Verfondern, coñecido como o holandés de Petín.

Este caso tivo unha fonda repercusión mediática en toda Galicia, provocando que a produción do documental se fose adaptando ós acontecementos. Así o explica a xornalista Cristina de la Torre, produtora da cinta: «Cando comezamos a rodaxe, a desaparación de Martin era un dos contidos da película pero non o único, a historia da aldea e as formas de vida das únicas dúas familias que vivían nela tiñan moito peso, si que é certo que dende que apareceu o seu cadáver a cousa cambiou moito». Tanto que o que era un documental sobre culturas enfrontadas e o aillamento do rural, acabou converténdose nun thriller cun tema principal no transfondo: o fogar. «Os directores sempre insisten en que na película trátase un tema moi universal que é o concepto de casa, cando podes comezar a considerarte dun lugar, a chamalo a túa casa, e que os veciños sintan tamén que pertences» explica. 

A atmósfera da aldea e das personaxes que viven dela son tamén un ingrediente clave da película, segundo a súa produtora, quen destaca que as ruínas son un protagonista silente da historia: «Está claro que Santoalla é algo máis que o caso do holandés, é unha aldea cunha memoria e un relato moi vivos, de feito sempre será a aldea de Sempre Xonxa, que ocupa un espazo moi positivo na memoria dos valdeorreses, pero a historia deste documental ten que servirnos para reflexionar como sociedade, ser conscientes de que trazamos liñas entre eles e nós pero... Quen son eles e quenes somos nós? Onde poñemos a fronteira: no idioma, no pasaporte, na relixión, no lugar onde naciches...?».

O documental Santoalla estrearase o 7 de setembro no Teatro Lauro Olmo do Barco cunha sesión con coloquio as 21.00 horas para despois proxectarse durante toda esa fin de semana, ata o luns 11 de setembro. O venres 15 será o turno do Cine Avenida da Rúa, onde haberá tamén unha sesión con coloquio as 21.00 horas. O sábado 16 e domingo 17 haberá dous pases diarios. Os directores da película non poderán estar na estrea así que será Cristina de la Torre quen conduza os coloquios. Esta estrea en Valdeorras prodúcese uns meses antes da celebración do xuízo polo crime do holandés, previsto para antes de Nadal de 2017, e polo que hai un veciño en prisión provisional como presunto autor do asasinato e outro en liberdade acusado de encubrimento. De feito, o fiscal que instrúe o caso requeriu a película para amosarlla ó xurado popular durante o proceso do xuízo.  Para o equipo do documental presentar a película en Valdeorras antes do xuízo era moi importante «esta estrea era imprescindible para agradecer a toda a xente que nos axudou no proceso, que é moita, e brindar ós veciños a oportunidade de vela», conclúe de la Torre.

Na película recóllese a evolución da relación entre Martin (á dereita da imaxe) e os seus veciños

Estas son as datas e horarios nos que se poderá ver a película Santoalla nos cines de O Barco e A Rúa:

O BARCO. Teatro Lauro Olmo

  • Xoves 07 setembro: 21.00 (con coloquio)
  • Venres 08 setembro: 20.30 e 22.30
  • Sábado 09 setembro: 20.30 e 22.30
  • Domingo 10 setembro: 20.30 e 22.30
  • Luns 11 setembro: 20:30

A RÚA. Cine Avenida

  • Venres 15 setembro: 21.00 (con coloquio)
  • Sábado 16 setembro: 20.30 e 22.30
  • Domingo 17 setembro: 20.30 e 22:30

De la Torre: «A historia que conta Santoalla ten que servirnos para reflexionar»