jueves. 17.07.2025

Jorge Moral guía un paseo polo rueiro do Barco e propón revisar a súa memoria histórica

A actividade, enmarcada nas xornadas «Castelao e Valdeorras» da Fundación Florencio Delgado Gurriarán, puxo o foco na hodonimia local como reflexo da historia social e política da comarca
somoscomarca_obarco_ruteiro_florencio1688

O rueiro do Barco converteuse este sábado nun espazo de reflexión durante a ruta guiada por Jorge Moral, dentro das xornadas culturais «Castelao e Valdeorras», organizadas pola Fundación Florencio Delgado Gurriarán. Ao longo de máis de dúas horas, os asistentes acompañaron ao investigador nun percorrido polos nomes das rúas da vila, deténdose en figuras como Elena Quiroga de Abarca, Florencio Delgado Gurriarán, Chano Piñeiro, Manuel Valcárcel ou Eloi Rodríguez, entre outros.

somoscomarca_obarco_ruteiro_florencio1690
Na rúa Abdón Blanco

A través de documentos, biografías e anécdotas, Moral puxo de manifesto as paradoxas e os silencios que agocha a nomenclatura urbana. «Resulta significativo que só unha rúa leve nome de muller, ou que a actual San Roque fora antes Avenida Pablo Iglesias», apuntou. Tamén chamou a atención sobre a convivencia de nomes como o de Abdón Blanco, alcalde fusilado tras o Golpe de Estado de 1936, co do conde de Fenosa, colaborador do réxime franquista.

O paseo pasou por barrios menos céntricos e abriu un espazo de diálogo entre os participantes. Ao remate, xunto á praza dedicada a Lauro Olmo, xurdiron propostas como a de incorporar nos rótulos das rúas unha breve explicación da figura homenaxeada —como xa sucede nalgunhas placas de louxa— ou a de sumar ao rueiro nomes de persoas esquecidas, como a escritora Pilar Enciso, compañeira e colaboradora de Olmo.

somoscomarca_obarco_ruteiro_florencio1689

«Cómpre revisar a nosa hodonimia e actualizar os referentes, incorporando colectivos e figuras que os novos relatos históricos traen ao primeiro plano», indicouse, citando exemplos como os artistas plásticos, os labregos ou as protagonistas de obras como As mulleres do monte, de José Antonio Gurriarán.

somoscomarca_obarco_ruteiro_florencio1685

A Portela acolle unha conferencia sobre o ilustrador Xaime Prada

As xornadas continuaron este domingo, 22 de xuño, na Casa Gayoso da Portela de Vilamartín, onde o presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado, impartiu a conferencia «Xaime Prada, un valdeorrés na nómina de ilustradores da Xeración Nós».

Xaime Prada, natural de Vilamartín e coetáneo de Castelao, publicou ilustracións en revistas como Nós e Vida Gallega. Durante o acto amosouse unha selección da súa obra e un exemplar da primeira edición do seu libro Grabados en Linoleum (Editorial Nós, 1927), que recolle 18 gravados acompañados de textos de escritores da época. A edición foi recuperada en 1981 por Xosé Gayoso e o Instituto de Estudios Valdeorreses.

 

No limiar desa reedición, Gayoso xa propoñía unha comparación entre as traxectorias de Castelao e Prada, que se desenvolveu durante a charla. A xornada rematou cun viño e un aperitivo, consolidando así o carácter participativo e divulgativo das xornadas.

Fotos cedidas

Jorge Moral guía un paseo polo rueiro do Barco e propón revisar a súa memoria histórica