A ITV do Barco pecha os sábados por folga ao non acadar acordo na negociación colectiva

A ITV do Barco pecha os sábados por folga ao non acadar acordo na negociación colectiva
Ata as instalacións de Viloira achegouse un grupo da CIG para comprobar se estaba a secundar a folga e informar aos traballadores de atoparse algún no posto

As portas da ITV —Inspección Técnica de Vehículos— do Barco permaneceron pechadas de novo este sábado como ocorrera o anterior, por folga no sector. O parón vén provocado pola falta de acordo no convenio colectivo. Os traballadores reclaman o aumento do salario e a redución da xornada laboral.

O secretario local da CIG —Confederación Intersindical Galega— en Valdeorras, Francisco Moral, xunto cun grupo de compañeiros, achegábase ata as instalacións situadas en Viloira, para comprobar se se estaba secundando a folga e, de non ser así informar aos traballadores. «Non sabiamos se ían estar ou non, queriamos darlle a información. Ao chegar aquí xa vimos que estaba pechado e que non había ningún vehículo», aclarou.

Entrando nas intalacións para informar aos traballadores

Sobre ás 11.00 horas chegaban ao lugar que estaba cas cancelas pechadas. No interior atopábase o encargado —non pertence ao convenio que reclama as melloras— e un traballador que estaba de vacacións cando se informou da folga e ao chegares este sábado decidiu avanzar as tarefas. Ao ser informado recolleu e abandonou as instalacións

Francisco Moral explicaba ás portas da ITV: «Estase negociando o convenio. Levan un ano mareando e a cousa non avanza, así que se decidiu facer una folga a nivel nacional en Galiza. Esperemos que entren en razón e que se senten a negociar realmente como se debe facer».  Puña o acento en que «a xente é comprometida pola causa».

No interior das oficinas 

Os delegados de persoal de toda a comunidade incluído o comité de empresa de Ourense convocaban hai una semana catro xornadas de folga durante o mes de agosto —os sábados 10, 17, 24 e 31— en todas as instalacións de ITV de SyC, filial de Applus e dona da concesión administrativa para a explotación en Galicia das estacións de ITV.  Consideran que as propostas de mellora ofrecidas pola empresa son insuficientes

A representación legal das persoas traballadoras das estacións e os membros da mesa negociadora, composta polos sindicatos CIG, CSIF, UXT e CCOO, anunciaron esta decisión unha semana despois da concentración que realizaron ante o Parlamento galego en protesta polo desacordo nas negociacións do seu convenio de empresa.