martes. 16.09.2025

O IES Lauro Olmo, premiado por transformar restos de uva en produtos de beleza

O proxecto «Pel de Valdeorras» converteu ao IES Lauro Olmo en protagonista do certame «Atrévete a ter unha idea». O alumnado foi premiado por darlle unha segunda vida ás uvas, transformándoas en produtos de beleza e masaxe
O IES Lauro Olmo, premiado por transformar restos de uva en produtos de beleza

O alumnado do IES Lauro Olmo de O Barco foi distinguido no concurso autonómico «Atrévete a ter unha idea» co proxecto «Pel de Valdeorras», unha innovadora colección de produtos de beleza e masaxe elaborados a partir dos restos das uvas pisadas. A proposta, muy relacionada coa identidade vitivinícola da comarca, acadou un dos premios na categoría grupal de Secundaria.

En total, a iniciativa da Xunta de Galicia —enmarcada no Plan Eduemprende— recoñeceu este ano o talento de 119 estudantes de 10 centros educativos galegos, cun obxectivo claro: fomentar o espírito crítico, proactivo e colaborativo entre a mocidade.

Ademais do centro barquense, foron premiadas ideas moi diversas. En Primaria, destacaron un robot medioambiental e un xerador infantil do CEIP Saco e Arce (Toén) ou un sistema para producir electricidade co paso dos coches, do CEIP Pintor Laxeiro (Vigo). Na modalidade grupal desta etapa, recibiron recoñecemento proxectos como «Creactívate no lago» (As Pontes), unhas «cabanas sostibles» en Baralla ou «Vilaventuras» (As Pontes).

En Secundaria, a nivel individual, resultaron gañadoras propostas como unha casa rural ecolóxica do IES Castro da Uz (As Pontes), paneis acústicos creados no IES Eduardo Pondal (Santiago) ou un sistema de aviso para pneumáticos gastados, tamén deste centro. Na categoría grupal, xunto co «Pel de Valdeorras» do Lauro Olmo, premiáronse a food truck escolar «A Fernandeta» do IES Fernando Blanco (Cee) e unha orixinal «pílula-paraugas» ideada polo IES A Sangriña (A Guarda).

Os estudantes galardoados recibiron dispositivos dixitais ou experiencias multiaventura, segundo a modalidade. A Xunta lembra que este programa, que o pasado curso chegou a máis de 2.500 alumnos de 60 centros, busca achegar o emprendemento ás aulas, dar a coñecer o tecido empresarial e espertar vocacións desde idades temperás 

O IES Lauro Olmo, premiado por transformar restos de uva en produtos de beleza