«É un encontro entre teatro, música en directo e poesía para liberarnos das caretas»
Mañá martes 30 de xullo pecharase o XII Ciclo De Perto ás 22:30 horas na pradeira do Chao. A encargada desta última cita será Paula Pier co seu espectáculo "Eu, fraude" no que, ademais dela coa voz principal, estarán en escea Sandra Pérez na percusión, Chus López no saxo e María Velasco na guitarra.
SOMOS COMARCA: Que é "Eu, fraude"?
PAULA PIER: É un lugar de encontro entre o teatro, a música en directo e a poesía. Fala de liberarnos das caretas impostas pola sociedade, que nos separan de nós mesmos e nos axuda a berrarlle forte á vida con esperanza. É unha historia de amor propio en forma de festa.
SC: De onde sae o título?
PP: É a miña historia propia, de como asumín que para poder brillar e amosar quen son en realidade, tiña que liberarme desas caretas que algún día asumín por pertencer a algo. É o momento de quitalas fronte á xente e desvelar o que hai debaixo.
SC: Dende a estrea, que tal está sendo a acollida?
PP: Estreamos o 12 de xaneiro na Coruña e xa foi unha estrea boísima, moito mellor do que agardabamos. Tamén tivemos a sorte de estar no Galicia Escena Pro este ano e foi espectacular. Hai xente que está escribíndome porque ten moitas gañas de velo porque están recibindo opinións moi positivas. Despois da estrea eu preguntei ás miñas compañeiras que comentario recibiron máis, e tanto elas coma min, foi "grazas". Adoita ser ao revés, ese moitas grazas por vir, pero é como darlle a volta a iso e é algo moi pracenteiro.
SC: Dende cando tes interés por este mundo?
PP: Estudei arte dramático en Vigo e cando rematei comecei a traballar. Tiven bastante sorte con traballo cada ano, e pouco a pouco fun construíndo esta peza. Tamén son docente de teatro. A miña conexión co mundo artístico vén dende que son pequena, canto e bailo dun xeito intrínseco en min.
SC: Cales son os teus futuros proxectos?
PP: A nivel persoal, despois de todo o traballo é necesario amosar este traballo durante o tempo que faga falta. Sempre pensei que isto sería unha triloxía. A segunda parte está en proceso pero aínda tardará anos. E por outro lado si que estou activa, contratada, noutros proxectos onde tamén estarei presente.