Francisco Vidal: «Os zamarreiros eran a alma do entroido de Éntoma»
O Entroido de Valdeorras tivo os seus propios personaxes propios. Figuras que durante décadas percorreron as rúas entre fariña, troula, música e retranca, pero que co paso do tempo foron desaparecendo da memoria colectiva. Agora, Francisco Vidal López quere devolverlles vida aos zamarreiros de Éntoma a través do libro Entrudio de Valdeorras: Os Zamarreiros de Éntoma, unha obra que será presentada este venres 15 de maio, ás sete da tarde, nas escolas da localidade.
Nunha entrevista en Radio Valdeorras Onda Cero, Vidal explicou que este proxecto nace dunha débeda persoal coa súa terra e co recordo dun entroido que viviu intensamente na súa mocidade. «Eu tiña unha débeda pendente con Éntoma. Tiña que facer isto para que non se perderan os zamarreiros», asegurou.
O investigador lembrou como aqueles personaxes percorrían as rúas montados a cabalo ou a pé, cunha carauta feita moitas veces con caixas de zapatos, vestidos de branco e levando unha manga de zamarra rematada nunha mazaroca de millo coa que «zurriagaban» á xente entre risas e fariña. «Os zamarreiros eran un personaxe único. Primeiro enfariñaban e despois mallaban na xente entre troula e retranca», relatou.
Tras deles aparecían tamén as furracas, mulleres vestidas de negro simbolizando as pegas, e mesmo un falso cura que percorría as rúas botando auga bendita cun hisopo improvisado. Todo nun ambiente festivo que chegaba a reunir «entre cinco e dez mil persoas» nas rúas de Éntoma.
Tamén había espazo para un dos momentos máis impactantes do entroido tradicional de Éntoma: o chamado Enterro do Morto. Lembra que as canteiras de pizarra daban tres días libres ao ano aos traballadores e un deles era precisamente o martes de carnaval, unha xornada na que o pobo se volcaba completamente coa festa.
Nese desfile saía unha persoa facendo de defunto dentro dun cadaleito. «Enfariñábano por todo o corpo e botábanlle un pouco de xofre. Levábano nunha padiola e nin se movía, aínda que ás veces lle botaban as faíscas dos fachóns», relatou Vidal durante a entrevista, lembrando unha celebración tan irreverente como espectacular.
No libro, Vidal percorre distintas etapas históricas do entroido local, desde referencias ligadas aos muíños e ao Marqués da Ensenada ata a recuperación parcial da tradición nos anos noventa grazas á mestra María Xosé Blanco. «Foi quen de mobilizar a todo o pobo. Recollían materiais dos contedores, facían disfraces e chegaron incluso a gañar concursos no Barco», lembrou.
Tamén destacou o labor posterior de Blanca Galván e de outros veciños que mantiveron viva parte desa memoria colectiva, así como o importante papel da música e das orquestras na identidade cultural de Éntoma. «É un pobo que rezuma cultura musical», afirmou.
Para Francisco Vidal, este libro pretende ser moito máis ca unha publicación etnográfica. O seu gran obxectivo é recuperar os zamarreiros como símbolo do entroido valdeorrés. «En Valdeorras non temos unha figura mítica propia do entroido como os peliqueiros ou os cigarróns. Temos que recuperar os zamarreiros entre todos», reivindicou.
Ao longo da conversa, tamén falou do que define como o «círculo máxico» do entroido tradicional valdeorrés, formado por Éntoma, Fervenza e San Vicente de Leira. Tres lugares que, segundo explica, compartían unha forma moi particular de vivir o intruido, cunha forte implicación veciñal, música, máscaras propias e un espírito colectivo que hoxe bota en falta.
«Temos que volver poñernos todos a unha», insistiu, apelando á colaboración entre veciñanza, asociacións, medios de comunicación e institucións para recuperar unha tradición que considera única dentro do entroido galego.
Vidal confía en que este libro sexa só o primeiro paso para devolver os zamarreiros ás rúas e para que Valdeorras conte, por fin, cunha figura propia e recoñecible dentro do mapa dos grandes entroidos tradicionais de Galicia.
A presentación do libro contará tamén coa participación do director de Ir Indo, Xelasio Suárez Santiso, nun acto aberto ao público que busca devolver ás rúas de Valdeorras unha das súas tradicións máis singulares.
Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado