jueves. 29.05.2025

Fillas de Cassandra: o segredo de dúas mulleres reivindicativas en clave galega

Este dúo vigués de música de raíz, tradicional, e cun son moderno, chega ao Barco este sábado 14 de setembro dentro das Festas do Cristo. Conversamos cunha das súas integrantes, Sara Faro, sobre a mensaxe das súas cancións
FillasDeCassandra_Candela Lora 3
Fillas de Cassandra: o segredo de dúas mulleres reivindicativas en clave galega.

Que hai unha nova onda de música galega, de raíz, é algo que está claro. E que Fillas de Cassandra son parte do motivo, tamén. Agora chegan ao Barco dentro da programación das Festas do Cristo coa súa xira "Últimas dionisíacas". O concerto será este sábado 14 de setembro ás 23:45 horas no campo da festa. 

María Pérez e Sara Faro son as dúas integrantes deste dúo vigués que conquista ao público alá onde vai, coas súas letras en galego que conseguen que máis de un queira aprender o noso idioma «só para entendermos».

A segunda —Sara Faro— falou para Radio Valdeorras sobre este concerto no Barco pero tamén sobre a súa historia como dúo e da unión entre a música e as reivindicacións sociais

SOMOS COMARCA: Que nos imos atopar o sábado?

SARA FARO: Unha miscelánea interesante de elementos que van dende o musical até as artes performativas e, sobre todo, moita festa, cun directo moi enérxico. 

SC: Cando comezou o voso camiño xuntas?

SF: Coñecímonos hai algo máis de dous anos, casualmente. Nun contexto galegofalante e feminista, en Vigo, e aí comezou a nosa andadura. Eu estou aínda estudando Dirección de escea, e todo o que poidamos incluír das nosas formacións previas e intereses vai estar presente en Fillas de Cassandra porque é algo moi identitario, somos María e Sara con todo o que traemos cada unha de nós.

SC: Que aportades cada unha?

SF: Cada unha de nós ten unha personalidade moi contraria pero, á vez, complementaria. María provén da música clásica, é pianista profesional, docente de música, algo que ten un xeito de ordear e equilibrar no plano musical.

Eu era o terremoto do teatro, da música tradicional. Todas estas vertentes confluíron nun gusto pola música electrónica e pola revisitación dos discursos

SC: Que é "Últimas dionisíacas", a xira coa que chegades ao Barco?

SF: As dionisíacas eran unhas festividades da Antiga Grecia na honra ao teatro, danza e música, e cando chegaron as potencias civilizadoras romanas foron o primeiro que quixeron eliminar. Porque eran espazos de rebeldía e liberdade, polo que continuaron sobre todo no rural; sería o equivalente a unhas foliadas contra o poder. 

A colación do noso disco "Acrópole" —que era a conquista do espazo de poder polo homes— e despois de conquistar a acrópole con ese disco, agora quixemos festexar. Por iso facemos unhas últimas dionisíacas antes de abandonar o mundo grego. 

SC: Que importancia ten para vós unir a música coa reivindicación?

SF: É un elemento fundamental para nós. Xa ves que coñecímonos nunha manifestación e é algo que estivo moi presente, dende a mitoloxía ou con outras analoxías. Buscamos un discurso que non sexa un lema, non tan manido, e penso que iso foi unha das claves do noso éxito. Conseguir que mulleres e homes sentíranse apelados, e prevalecera a necesidade humana de festexar colectivamente e estar unidos cantando. O discurso pero tamén a festa. 

SC: Falas do voso éxito, que foi estratosférico en pouco tempo...

SF: É moi emocionante, e por riba de todo o que prima é o agradecemento. Foi algo moi rápido. Fixemos un disco de música galega, feminismo e Grecia, e algo dese disco conectou coa xente. Pasamos un verán sen disco e facendo concertos "de boca a boca" e creo que iso nos trouxo aquí, esa emoción da xente que vai recomendando os nosos concertos. 

Pensamos que é merecido pero estamos moi agradecidas porque podería non ter sido así. 

SC: Unha das vosas apostas é cantar en galego. Como é a aceptación fóra de Galicia?

SF: É unha pasada. Cando fumos a Madrid, a primeira vez fixemos unha sala de 100 persoas, a segunda de 400 e agora vamos a un festival. Precisamente polo éxito, pero non só en Madrid. Veu moito público novo e o feito de que apostaran por nós en festivais fai que vaia correndo a voz. A aceptación é absoluta e hai moitísima xente que se achega e quere aprender galego para entendermos.

SC: Sodes positivas no emprego do galego na fala?

SF: Os datos son reveladores porque o nivel de fala é baixo, e cada vez a tendencia é a peor. Pero todas estas propostas poñen sobre a mesa que non hai fronteiras idiomáticas, e cantos máis espazos se abran de cultura e de socialización en galego vai xerando ese pouso. Habería que esperar uns anos para ver como queda todo esto na sociedade, pero ver que a xente nova tamén vai aceptándoo deixará esa herdanza. Eu teño unha visión moi positiva

Pode escoitar a conversa completa con Sara Faro neste enlace de audio:

Fillas de Cassandra: o segredo de dúas mulleres reivindicativas en clave galega